Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e a Fundación Otero Pedrayo acadaron un acordo de colaboración para a publicación de libros, actualización e mantemento da páxina web sobre o autor, e actos dirixidos a escolares. O departamento de Roberto Varela achega a Fundación 36.000 euros. En virtude do acordo de colaboración, desenvolverase un programa conxunto de promoción do legado e da memoria de Ramón Otero Pedrayo que contempla a  organización da Festa Literaria de Trasalba, na que se renderá homenaxe a esta figura sobranceira da cultura galega e que dará lugar a publicación dun Libro Homenaxe.
 
 
Cultura da Xunta colaborará coa Fundación na divulgación da obra e da figura de Otero Pedrayo
22 de MARZO de 2010: OURENSE DIXITAL
   

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Víctor Vázquez Freixanes, asinaron un convenio de colaboración polo que a Consellería de Cultura e Turismo destinará 36.000 euros para o financiamento das actividades da Fundación Otero Pedrayo no seu labor de divulgación da obra e da figura do escritor ourensán.
En virtude do acordo de colaboración, desenvolverase un programa conxunto de promoción do legado e da memoria de Ramón Otero Pedrayo que contempla a  organización da Festa Literaria de Trasalba, na que se renderá homenaxe a esta figura sobranceira da cultura galega e que dará lugar a publicación dun Libro Homenaxe.

 

Do mesmo xeito, o traballo conxunto entre a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, e a Fundación Otero Pedrayo posibilitará a edición de diversas creacións arredor da obra do autor, que consistirán ben na recuperación dalgún texto histórico, estudo ou ensaio sobre a súa obra.

Doutra banda, o convenio de colaboración contempla a actualización e mantemento da nova páxina web da Fundación Otero Pedrayo, con atención especial á obra do escritor e con información específica da cultura galega.
Asemade, a Consellería de Cultura e Turismo apoiará o programa actividades que a Fundación organiza para escolares, coas súas correspondentes unidades didácticas para alumnos de Educación Primaria, ESO e Bacharelato, con excursións á Casa de Trasalba para que coñezan a historia e obra de Otero Pedrayo.

A Consellería de Cultura e Turismo “enmarca esta colaboración no traballo común de promoción e difusión da cultura galega e da cultura en galego”.
Pola súa banda, a Fundación Otero Pedrayo márcase como obxectivo central o mantemento e promoción da memoria colectiva de Otero Pedrayo.

 
Volver atras
Imprimir Página