Un reflexo da sociedade actual a través da fotografía. Así define a deseñadora Purificación García a exposición do concurso que leva o seu nome, e que hoxe foi presentada no Centro Cultural da Deputación de Ourense. Unha escolma de 27 fotografías que foron seleccionadas dun total de 454 obras de España e Portugal, nas que a paisaxe, as formas, a natureza, a combinación de cores e as persoas protagonizan en palabras da deseñadora “unha mostra coral dun tipo de arte –a fotografía- á que eu lle debo moito porque a fotografía sempre foi unha aliada miña en campañas, pasarelas e presentacións”.
 
 
O Centro Cultural da Deputación acolle a exposición fotográfica “Purificación García 2009”
6 de NOVIEMBRE de 2009: OURENSE DIXITAL
   

Dende este xoves, 5 de novembro, e ata o 13 de decembro poderá visitarse esta exposición, dun concurso que nesta edición de 2009 tivo como gañador a Carlos Irajalba coa obra “Twilight (Un disparo en la oscuridad)”, traballo que realizou na selva de Iratí (Navarra), unha das últimas selvas vírxenes de Europa. Este primeiro premio está dotado con 12.000 euros.

O segundo premio, dotado con 10.000 euros, correspondeulle a Carlos Sanva, pola obra “13 mil millones”, realizada en China, na que se aprecia a un grupo de mozos cunha serie de atributos que semellan diferencialos da masa, cos seus skates e bicicletas.

O terceiro premio, dotado con 8.000 euros, foi para Mónica Fuster pola obra “Sin título”, unha fotografía profundamente poética na que parte da realidade para transportarnos a un lugar imaxinario, suspendido no tempo, onde semella haber ocorrido un acontecemento.

A presentación da exposición contou hoxe coa presenza, ademáis de Purificación García, de Rosana Agrelo, responsable de Cultura da firma, e Francisco González, director do Centro Cultural, quen afirmou que a de Purificación García “é unha das exposicións máis visitadas do noso programa anual e conta cunha excelente acollida por parte do público”. Francisco González referiuse tamén á importancia que ten o feito de que sexa “unha empresa quen promova unha exposición artística, polo que implica de compromiso social e cultural coa sociedade”.

Pola súa banda Rosana Agrelo dixo que esta exposición será itinerante “por cidades periféricas, onde o público é especialmente agradecido e entrégase a disfrutar coa exposición, como temos comprobado nos seis anos anteriores desta mostra”. Agrelo engadiu que non se premia só unha fotografía, “porque o xurado considerou máis xusto premiar ademáis a traxectoria do artista, coñecendo máis polo miudo o seu traballo a través dun amplo dossier que se solicitou aos participantes.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página