A Xunta de Galicia comprometeu todo o seu apoio coa iniciativa da asociación Puntogal, que procura a construción dun espazo específico en internet para a lingua e cultura galegas, o dominio .gal. Así llo transmitiron este xoves a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica de Presidencia, Mar Pereira, e o secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación, Anxo Lorenzo, aos representantes de Puntogal.
Durante a reunión, o presidente da asociación, Manuel González, o vicepresidente, Camilo Regueiro, e o secretario, Darío Janeiro, informaron os secretarios das xestións que se levaron a cabo para conseguir pór en marcha na rede este dominio.
Así mesmo, desde a asociación PuntoGal informouse de que a ICANN –o organismo encargado de regular Internet e de conceder ou denegar novos dominios– publicará cara a finais de 2009 a guía final que contén todos os requisitos que deben cumprir as candidaturas para obter o dominio e que esperan poder recibir as primeiras solicitudes no primeiros trimestre do 2010.
Numerosos apoios
A asociación PuntoGal foi constituída en 2006 por varias entidades promotoras, entre elas a Real Academia Galega, para conseguir crear un espazo específico en internet baixo o cal poder agrupar todas as webs con contidos en galego, ou noutras linguas que, dalgún xeito, teñan relación coa cultura e a sociedade galegas.
Entre os numerosos apoios de persoas e institucións cos que conta esta iniciativa atópanse asociacións e colexios profesionais, asociacións culturais e xuvenís, medios de comunicación e empresas de diversa actividade, entre outros.
|