O Servizo Galego de Saúde construirá un novo Centro de Saúde no concello de Ribadavia, para o que a Dirección de Recursos Económicos ven de adxudicar a redacción do proxecto básico destas novas infraestructuras, que responden á “demanda histórica” de Ribadavia de contar cunhas infraestructuras sanitarias acordes á súa actividade e proxección asistencial.
Segundo o recolle o Diario Oficial de Galicia, a redacción deste proxecto, supón un investimento de 67.860 euros, terá un prazo de execución de dous meses e medio.
Para a elaboración do proxecto do novo centro, que virá a substituír ás actuais instalacións onde se coinciden o centro de saúde e Punto de Atención Continuada de Ribadavia, os técnicos deberán seguir as pautas fixadas polo Plan Funcional aprobado polo Servizo Galego de Saúde, no que se recollen as necesidades asistenciais e funcionais traducidas en canto a distribución e espazos.
Segundo este esquema, o novo centro contará con novos espazos como unha sala de educación maternal, unha nova consulta de odontoloxía, que pasa de unha a dous o que permitirá ampliar o tempo de atención do hixienista dental, unha nova sala de técnicas para a realización de probas diagnósticas, unha sala polivalente e unha consulta adaptada á realización do programa da muller.
Xunto a elas, o novo dispositivo asistencial contará con novos espazos adicados a despachos médicos e salas de xuntas, novas salas de observación e espera, na área de urxencias ou PAC, e dúas consultas mais nesta mesma área, pasando de unha a tres, ademais dunha nova consulta de Resucitación Cardio-Pulmonar para a atención de urxencias vitais, que se completará cunha instalación centralizada de osíxeno.
O centro de Saúde de Ribadavia conta na actualidade cun cadro de persoal composto por catro médicos, dous pediatras, un farmacéutico, seis enfermeiras, unha auxiliar de enfermería, catro auxiliares administrativos e PSX (Persoal de Servizos Xerais), un odontólogo, unha matrona, un fisioterapeuta, un traballador social, e catro celadores para atender do Punto de Atención Continuada.
Xunto a eles, tamén traballan en distintas quendas un xinecólogo e un psicólogo, ambos adscritos ao Centro de Orientación Familiar Carballiño-Ribadavia, ademais de un veterinario da Consellería de Sanidade.
Todos eles coidan dunha poboación de 5.795 persoas con tarxeta sanitaria individual no centro, dos que 591 son nenos e nenas de menos de 14 anos e 1.465 veciños de mais de 64 anos. A eles hai que engadir os residentes dos concellos adscritos ao PAC: Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro e Melón, o que fai un total de 17.912 os usuarios que se beneficiarán. |