A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia en Ourense, ADEGA, solicita á Fiscalía que manteña informada á cidadanía “expectante e necesitada de noticias sobre a investigación emprendida” no caso da recente e última contaminación do río Barbaña, “sempre que llo permita a discrecionalidade e a seguridade da investigación”, engade ADEGA.
A Asociación ecoloxista invoca que “o dereito á información é consustancial nunha sociedade democrática e a mellor ferramenta para a defensa da natureza”.
Sinala a Asociación que estamos a vivir “nos momentos máis críticos para a credibilidade das institucións xudiciais, por iso este é unha boa oportunidade para poñer a transparencia e o eforzo que fai a Xustiza nas súas tarefas do lado da opinión pública, unánime no rexeitamento destas conductas delictivas reincidentes”.
En canto á valoración destes feitos que lle merecen á Asociación de Empresarios do Polígono “solicitámoslle tranquilidade e colaboración”, sinala ADEGA. A Asociación matiza que cada empresario é sabedor das súas prácticas ambientais e do manexo dos residuos que impón o respecto á normativa xeral. “A asociación do Polígono deber ter a conciencia tranquila como colectivo integrador do empresariado, mais neste caso á responsabilidade polos feitos acontecidos é individual e así responderá o autor diante dos tribunais”, sinala a organización ecoloxista. “Ningunha asociación pode dar amparo nin actuar como barreira que intimide un proceso investigador dos órganos xudiciais”, sinala ADEGA
Imprescindible colaboración do Concello de San Cibrao
Por outra banda, ADEGA solicita ao Concello de San Cibrao das Viñas a súa colaboración na investigación. “A institución municipal é o ente que posúe a maior información relacionada co manexo das verteduras que fai cada empresa instalada no Polígono”, sinala colectivo ecoloxita, que recorda que o Concello “tamén é o competente para a concesión das licenzas de actividade industrial unha vez superados todos os informes favorabeis e realizados os condicionantes que esixe á normativa para o manexo de residuos”.
“Solicitamos á máxima autoridade institucional, á Sra. Alcaldesa da San Cibrao, que poña a disposición da xustiza a valiosa información de manexo de residuos e de autorización municipal de verteduras de cada empresa do Polígono Industrial”, conclúe pedíndolle públicamente ADEGA a Elisa Nogueira, alcaldesa de San Cibrao. |