“Todos contra o cambio climático” é o lema das actividades coas que o Concello de Ourense celebra este venres o Día Mundial do Medio Ambiente. O espazo escollido para esta celebración é a Aula da Natureza de Oira, e as actividades abranguen toda a xornada. Así mesmo, alcalde, concelleira de Educación e vinte escolares da cidade deron comezo este xoves a unha actividade máis ampla e que se retomará aló polo mes de outubro, e que completará un rueiro das especies arbóreas que hai na capital ourensá. As primeiras placas a pé de árbore colocáronse este xoves.
 
 
A Aula da Natureza acolle os actos do Día Mundial do Medio Ambiente “contra o cambio climático”
5 de XUÑO de 2009: OURENSE DIXITAL
   

A Concellería de Educación do Concello de Ourense acolle este venres, 5 de xuño, con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, diversas actividades na Aula de Natureza.
Seguindo o lema deste ano, “Todos contra o cambio climático”, as actividades comezarán ás 12:30 coa visita de 24 alumnos do colexio Albino Nuñez e unha charla sobre o Cambio climático. Pola tarde, ás 19:30, todas as persoas que o desexen poden asistir á propia charla sobre cambio climático. As charlas serán impartidas pola física Susana Bayo Besteiro.

Ademais, a partir das 20:15 terá lugar o concerto de Endestropeija Trío, un grupo de música de recente formación, pero composto por músicos cunha longa traxectoria no mundo da música, concretamente no ámbito do jazz-fusion.

Con estas actividades, o Concello de Ourense, en colaboración con Climadaptación, pretende achegar solucións activas e eficientes na lota contra o cambio climático, e contrarrestar o incremento de gases de efecto invernadoiro producidos polas actividades cotiás.

Comezo dun rueiro das especies arbóreas da cidade

Así mesmo, o alcalde de Ourense e a concelleira de Educación asistiron este xoes a un acto no que participaron 20 alumnos de Quinto de Primaria e co que tamén o Concello de Ourense conmemorou o Día do Medio Ambiente.
Xunto ao poeta ourensán Víctor Campio, Francisco Rodríguez e Ana Garrido descubriron as primeiras placas co nome de varias especies arbóreas que se ubican na cidade.
De seguido, os rapaces levaron a cabo unha lectura de poemas cos que tentaron interpretar a súa concepción do amor pola natureza.

Segundo sinala o departamento de Ana Garrido, a iniciativa deste xoves “supón o comezo dunha actividade máis ambiciosa que se retomará en outubro, coincidindo co inicio de curso escolar, e que se completará engadindo varias placas coa información das diferentes especies que conviven na cidade ata completar todo o rueiro”.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página