No Centro Cultural da Deputación de Ourense atópase a exposición “Silandeiras”, do pintor vigués Xan Vieito, un artista que rende homenaxe á muller, á que define como “esencia e motor do universo”, asociada á tranquilidade e o silenzo agarimoso. Achegarse á exposición deste artista supón mergullarse nun mundo de relax, axeitado para os que foxen do ruído, do conflicto e da tensión.
 
 
O Centro Cultural da Deputación de Ourense acolle a exposición “Silandeiras” de Xan Vieito
11 de MAIO de 2009: OURENSE DIXITAL
   

Dende finais da semana pasada atópase no Centro Cultural da Deputación de Ourense a exposición “Silandeiras” de Xan Vieito, na que o artista “elabora na súa pintura unha certa fusión entre o mundo material e a realidade interna dos soños”.
Así o pensa o psicólogo e escritor David Fontana, quen escrebe no excelente catálogo da exposición, en compañía de Xosé Antón Castro, J. Otero e o propio Vieito. Todos coinciden en que a pintura deste artista é un mundo de soños e realidades complexos, con referencias claras e constantes á vida, ó ser humano e ó propio mundo.

“Na vía láctea hai millóns de planetas, e nós, o ser humano, segue crendo que é o centro do universo”, explica Xan Vieito, quen se rebela contra diso e define a súa obra coma unha viaxe ó redor da insignificancia do ser humano no universo. Amosa a través de 88 cadros elaborados con diversas técnicas: acrílico, óleo, acuarela e lapis, o papel da humanidade desde o punto de vista científico, filosófico e poético.

O director do Centro Cultural, Francisco González, definiu na presentación a obra de Xan Vieito coma “un mundo enfeitizado que posúe unha maxia particular, moi atraínte”, algo ben certo que se percibe na atmosfera de ocres e amarelos, salpicados con cores vivos que percorren formas circulares nas cales o centro está sempre reservado á muller.

Pola súa banda, o crítico de arte Xosé Antón Castro afirma que a pintura de Xan Vieito é “elíptica e abstracta”, e os seus camiños, enredos, mulleres, bonecas, crisálidas, contos, recunchos, dulcineas e ceos “espremen unha envolvente circularidade romántica”. “Con todo elo, afirma o crítico, o que pretende Vieito é compartir con nós unha tenra historia de fábulas”.
A exposición, inaugurada o pasado venres, permanecerá exposta no Centro Cultural da Deputación de Ourense ata o vindeiro 7 de xuño. 

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página