Home  
 
 
 
 
  Caixanova leva ata Ribadavia unha selección de pinturas escollidas de entre os fondos da colección de arte que posúe a entidade financieira. A mostra que reúne estas obras preséntase baixo o titulo de “Trazos de Luz na  Colección Caixanova” e inaugurase este venres, 14 de novembro, ás 20.00 horas no Centro Social da Igrexa da Madalena. Esta recopilación de obras da mellor arte galega,  poderase visitar en Ribadavia ata o luns 8 de decembro.
 
 
"Trazos de Luz na Colección Caixanova" chega a Igrexa da Madalena de Ribadavia
 
14 de NOVEMBRO de 2008: OURENSE DIXITAL

A Igrexa da Madalena de Ribadavia acollerá ata o luns, 8 de decembro, a exposición “Trazos de Luz na Colección Caixanova”, unha "selección de obras nas que a luz non é soamente un concepto abstracto, senón que convertese nos trazos que constrúen a composición", sinalan os responsables desta exposición.

A Colección Caixanova nace a mediados do século XX, cando a escasa actividade expositiva en Galicia impedía o achegamento á obra dos nosos artistas e o recoñecemento da súa contribución ao panorama artístico nacional e internacional. Co transcurso dos anos, estes obxectivos de divulgación continúan vixentes, e a entidade conseguiu ter a mellor colección privada da arte galega. Dende o orgullo e a responsabilidade que iso implica, a entidade asumiu o compromiso de dar a coñecer os seus fondos a través de mostras monográficas ou colectivas, como a que agora chega a Ribadavia.

Esta exposición colectiva presenta unha selección de obras nas que a luz é o fío condutor. Desde o principio dos tempos, os artistas utilizaron, desde a luz ás sombras, unha ampla gama de efectos luminosos para transmitirnos os seus mais profundos sentimentos e sensacións en obras cheas de misterio, profundidade e beleza.
Así, dentro desta exposición atopamos bodegóns como o de Segura Torrella, onde a pincelada enérxica e agresiva, cunha materia pura e en relevo, deixa ver eses toques de luz que realzan os diferentes elementos que a compoñen. E observanse paisaxes de artistas tan dispares como Corral González, Fernando Quesada, Rafael Úbeda, Antón Sobral, Villafinez e Lodeiro, entre outros, onde a pesar dos seus diferentes estilos apreciamos un sentimento común á hora de mostrarnos a luz, resultado dun longo proceso de reflexión a partir do cal emerxen as máis diversas inquietudes persoais dos artistas.

A figura humana, representada por Xavier Pousa e Xaime Quessada,  móstrase con ritmo e harmonía; figuras que conseguen atrapar a luz e que se converten en punto central da obra, transmitindo unha calidez e sensibilidade que resalta, en contraposición con fondos de luces máis atenuadas. En definitiva, unha exposición que resulta dun extraordinario abano de luces e sombras, texturas, cores, testemuños plásticos e miradas persoais onde la luz lle gaña o pulso á escuridade.

Volver atras
Imprimir Página