Home  
 
 
 
 
  O Parque Tecnolóxico de Galicia é o encargado este ano de acoller a VII Conferencia Internacional da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España, APTE, que terá lugar os vindeiros 5 e 6 de novembro, mércores e xoves desta semana. O encontro anual de enclaves de innovación cumpre a súa sétima edición en Galiza, coincidindo co 15 aniversario do parque anfitrión. O Auditorio de Ourense, que será unha das tres localizacións da Conferencia xunto coa Tecnópole e a vila de Allariz. No acto de presetación dete evento, que tivo lugar o venres pasado, o director xeral de I+D da Consellaría de Innovación e Industria, Salustiano Mato, subliñou a importancia que ten a organización deste acto para a cidade e, sobor de todo, para a Tecnópole ourensá.
 
 
O máis punteiro da innovación tecnolóxica dase cita en Ourense esta semana na VII Conferencia da APTE
3 de NOVEMBRO de 2008: OURENSE DIXITAL

Máis de oitenta profesionais da innovación de todo o Estado danse cita en Ourense os mércores e xoves desta semana, 5 e 6 de novembro, para a VII Conferencia Internacional da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España, APTE.
No acto de presentación do venres da semana pasada, o director xeral de I+D da Consellaría de Innovación e Industria, Salustiano Mato, apuntou a importancia da celebración deste evento para o Parque Tecnolóxico de Galicia, que se converte así este ano no centro neurálxico da Rede de Parques Científico-Tecnolóxicos estatal, ao tempo que recalcou a oportunidade que supón a celebración da VII Conferencia APTE para dar a coñecer ao resto do Estado a notable evolución que experimentou a Tecnópole nos últimos anos.

O enclave de innovación galego acollerá nesta edición da Conferencia Internacional da APTE a máis de oitenta xestores e técnicos de parques científicos e tecnolóxicos de todo o Estado español, que se trasladarán a Galiza para poñerse ao día sobre as últimas tendencias no estímulo e a xestión do talento innovador.

Presenzas da hibridación

Atendendo a unha das tendencias máis destacadas da innovación no panorama actual, a hibridación, sinalan os representantes da Tecnópole queno Parque Tecnolóxico de Galicia daranse cita tamén talentos con procedencias moi diversas que exporán as súas experiencias e previsións de futuro. O obxectivo deste encontro é que os asistentes poidan recabar ideas de sectores diferentes ao seu que funcionen como achegas innovadoras para a súa propia xestión.

Así, estarán presentes expertos na xestión da innovación coma Tapan Munroe, experto na economía do Silicon Valley e asesor de varios bancos do Val Central de California en temas relacionados coa planificación económica, financeira e empresarial; e Michel-Eric Dufeil, responsable de desenvolvemento rexional da Dirección Xeral de Política Rexional da Unión Europea. No ámbito concreto da xestión do talento innovador, o evento contará coa presenza do experto Santiago Álvarez de Mon, profesor titular do IESE que imparte clases e conferencias sobre liderado e goberno das organizacións en América, Europa e Asia e é autor de numerosos artigos e documentos de investigación sobre este tema.

Sobre as novas tecnoloxías e o futuro da Internet falarán Genís Roca, especialista na xestión do impacto que provoca nas organizacións a introdución de novas tecnoloxías e no desenvolvemento de redes sociais e a definición de modelos de presenza na rede; e Daniel Fernández Lestón, enxeñeiro galego de IBM encargado de explorar as posibilidades de negocio que ofrecen as contornas virtuais on-line como Second Life. Como representante da empresa galega innovadora, os asistentes terán a oportunidade de escoitar a experiencia da empresa Blusens de man do seu presidente executivo, José Ramón García.

Para falar da xestión da innovación en sectores non directamente relacionados coas novas tecnoloxías estará, en primeiro lugar, Chema Dapena, artista local con proxección internacional que ilustra á perfección o tándem arte-investigación na pintura, escultura, deseño industrial cerámica, vidro e microfusión de metais. Ademais, un grupo de expertos en gastronomía e enoloxía impartirán unha ponencia sobre a cociña e a adega como laboratorios. Trátase do cociñeiro galego Xosé Cannas, que colabora en proxectos de I+D cunha empresa de biotecnoloxía, e dos expertos en viños Xoán Cannas, José Luis Mateo e Raúl Pérez, este último unha das persoas máis influíntes no panorama vitivinícola internacional.

Volver atras
Imprimir Página