Home  
 
 
 
Fotografía : JOSÉ CERDEIRA 
 

Pié de Foto

 
  As bibliotecas do Concello de Ourense acollen este venres as actividades de celebración do "Día de Portas Abertas" que organiza a Concellería de Educación, co obxectivo de fomentar o hábito da lectura entre os máis novos. Ás actividades poden asistir nenos entre catro e doce anos de calquer centro educativo. Precisamente preténdese "fomentar a creatividade dos nenos mediante actividades lúdicas vinculadas á imaxinación e á fantasía", sinálase dende o departamento de Educación do Concello ourensán.
 
 
"Día de portas abertas" este venres en todas as bibliotecas do Concello de Ourense  
24 de OCTUBRE de 2008: OURENSE DIXITAL

Xornada de portas abertas das bibliotecas do Concello de Ourense este venres. Así o anuncia a Concellería de Educación que dirixe a socialista Ana Garrido. Trátase de fomentar o hábito da lectura sobor de todo entre os máis novos, e son varias e variadas as actividades programadas nas distintas bibliotecas municipais que existen na cidade.

Así, entre as 11:15 e as 12:15 h. da mañá haberá visitas guiadas de escolares ás tres bibliotecas municipais, A Ponte, Carballeira e San Francisco,  para dar a coñecer este servicio entre os alumnos, mostrando o funcionamento dunha biblioteca, o traballo do persoal e os diversos servicios dos que dispoñen: lectura e consulta na sala de material bibliográfico e xornais, acceso a Internet a través dos propios equipos da biblioteca, acceso a Internet a través de wi-fi, empréstito de libros, buzón de suxerencias, aire acondicionado e calefacción.

O CEIP Mestre Vide visitará a biblioteca da Carballeira con 50 alumnos de 4º de Primaria, e o CPI visitará a biblioteca da Ponte con 28 alumnos de Educación Primaria.
Ademais, na biblioteca de A Ponte realizarase unha actividade que terá lugar entre as 18:00 e as 19:30 h., e consistirá na presentación dos contidos das bibliotecas, dando a coñecer ós nenos interesados a variedade de libros infantís e presentando as novas adquisicións, mediante xogos para a animación á lectura e o préstamo dos libros. Neste caso, os xogos están inspirados no “Binomio fantástico”, do autor Gianni Rodari, que mediante hipótesis fantásticas pretenden fomentar a creatividade dos nenos mediante actividades lúdicas vinculadas á imaxinación e á fantasía.

Por outra banda, na biblioteca de San Francisco, animarase á lectura a partir dos contos: os nenos representarán ós seus personaxes mediante guiñoles e obras de teatro, e decorarán a biblioteca ambientando as historias dos libros.

Estas actividades compleméntanse coa labor diaria que se ven realizando de “animación á lectura” nas bibliotecas municipais entre nenos de catro a doce anos e discapacitados intelectuais, que aporta moi bós resultados ós nenos, logrando o obxectivo prantexado de aumentar o interese pola lectura e o número de préstamos de libros entre os máis pequenos.

Volver atras
Imprimir Página