Home  
 
 
 
 
  Tan só fai uns meses que entrou en servizo, e contabiliza non poucas eivas das que se queixan, sobre todo, os traballadores do propio edificio. Agora, o grupo parlamentar do BNG, a través do seu deputado Iago Tabarés, pide que se aceleren as actuacións precisas para correxir definitivamente as deficiencias detectadas no novo edificio xudicial de Bande.
 
 
JOSE CERDEIRA 
O edificio dos xulgados de Bande acusa eivas importantes só meses logo de ser inaugurado
4 de OUTUBRO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

Iago Tabarés rexistrou unha iniciativa parlamentar na que se fai eco das eivas denunciadas pola Xunta de Persoal nun edificio que entrou en funcionamento hai tan só uns meses, o de Bande.  "Eivas que, malia  ter sido resoltas con axilidade por parte da Xunta nalgúns casos, aínda quedan cousas por resolver e non se deu cunha solución definitiva", sinala o parlamentar nacionalista.

Neste sentido, Iago Tabarés salienta, por exemplo, os problemas de saneamento "que están a provocar importantes molestias tanto a traballadores como usuarios pois afectan, especialmente, ás dependencias do rexistro civil e aos servizos públicos", sinala o parlamentar.
O deputado lembra a importancia desta infraestructura, pois permitiu dotar á administración de Xustiza, ao partido xudicial de Bande, que abrangue os concellos de Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muiños, Padrende e Vera, de dependencias propias, superando a anterior situación na que compartía inmóbel coas dependencias do Concello.

Ante o exposto, Tabarés considera que a Xunta debe axilizar as actuacións previstas para acondicionar correctamente e de forma definitiva o edificio e determinar as responsabilidades das deficiencias detectadas.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página