Home  
 
 
 
 
  Os técnicos do PERI de Ourense xa avanzaron na redacción dun proxecto que será presentado ante a Xunta de Galiza, para incorporar un ARI, Área de Rehabilitación Integral, nos barrios do Polvorín, Camelias e a Carballeira. O proxecto afectará, de entrada, 400 vivendas e continuará expandíndose polas marxes do Barbaña ata Mariñamansa e A Ponte. Así o anunciou o tenente de alcalde, Alex Sanchez Vidal, na Coruña, a onde acudíu este martes para reunirse co seu homólogo, Henrique Tello, e o responsábel do área de Rehabilitación e Vivenda, Mario López Rico. Sánchez Vidal amósase disposto a aprender do modelo coruñés para o desenvolvemento destas ARI, xa que, dixo, moitos dos barrios que viviron este proceso na Coruña "teñen características socio económicas semellantes as nosas".
 
 
JOSE CERDEIRA  
Alex Sánchez Vidal / Henrique Tello
Sánchez Vidal importa o modelo coruñés das ARI para rehabilitar varios barrios de Ourense
17 de SETEMBRO de 2008: OURENSE DIXITAL

A Tenencia de Alcaldía acometerá importantes proxectos de rehabilitación urbanística en diversos barrios da cidade, comezando polas zonas do Polvorín, Camelias e A Carballeira. Farao a través das chamadas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI), un mecanismo que foi decisivo na cidade da Coruña para a recuperación do seu entorno. Neste senso, Sánchez Vidal mantivo este martes unha reunión co seu homólogo coruñés, o nacionalista Henrique Tello, e o responsábel do área de Rehabilitación e Vivenda, Mario López Rico, para a posta en común destas accións.

En palabras de Henrique Tello, trátase pois de “colaborar, intercambiar experiencias e copiar todo o que sexa  positivo de cara á planificación de accións futuras”.
A cidade de Ourense conta na actualidade con dous ARI, un centrado do Casco Vello e outro para Seixalbo, xestionados a través da Oficina do PERI. "A súa xestión ten sido das máis punteiras en toda a comunidade ao longo deste ano, cunha media de 120 intervencións. Agora, é vontade da Tenencia incorporar este modelo para a reforma doutras zonas de Ourense, nomeadamente os barrios", sinala Sánchez Vidal.
Neste senso os técnicos do PERI xa avanzaron na redacción dun proxecto, que será presentado ante a Xunta de Galiza, para incorporar un ARI nos barrios do Polvorín, Camelias e a Carballeira. O proxecto afectará, de entrada, 400 vivendas e continuará expandíndose polas marxes do Barbaña ata Mariñamansa e A Ponte. 

Con esta actuación, "preténdese aproveitar o motor de traballo da oficina do PERI para que redunde non só en beneficios dun sector da cidadanía, os residentes en zonas con valor histórico, senón tamén os veciños dos barrios", sinala Tenencia de Alcaldía.
Ademais, os ARI, segundo apuntou o propio Sánchez Vidal, preséntanse como mecanismos de actuación alternativos ó plan URBAN.

O modelo coruñés

De cara a optimizar o desenvolvemento deste ARI, o Tenente Alcalde de Ourense quixo por en común experiencias co seu homólogo coruñés, sinalando que moitos dos barrios que viviron este proceso na Coruña "teñen características socio económicas semellantes as nosas". Trátase tamén de compartir modelos de xestión destes áreas.
Durante a comparecencia cos medios celebrada no Pazo de María Pita, Tello quixo salientar o esforzo que se está a facer desde hai  tempo na Tenencia a prol da rehabilitación do Casco Histórico.
Pola súa banda, Sánchez Vidal explicou o grande cambio de actitude producido no Goberno de Ourense, "xerando dinámicas que permitiron pasar de ser subsidiarios do eixo costeiro", sinalou o tenente de alcalde de Ourense. 

Volver atras
Imprimir Página