Home  
 
 
 
 
  O sistema de préstamo de bicicletas  da Concellería de Medio Ambiente “Roda Limpo”, que vai cumprir un ano dende a súa posta en marcha, reafirma o éxito que vén tendo dende o pasado mes de setembro, cun crecemento sustancial do número de usuarios nos últimos tres meses. O asunto só presenta un pero: que é preciso unha maior implicación do usuario para dar conta das averías que se van producindo nas bicicletas. Deste xeito, os responsables do programa din que poderían telas aínda en moito mellor estado de servizo. Durante o verán os préstamos víronse incrementados nun 26%.
 
 
As bicicletas do Concello contabilizan xa máis de 2.200 servizos, e se lle pide ó usuario que colabore no seu mantemento  
28 de AGOSTO de 2008: OURENSE DIXITAL

Durante este verán, o sistema de préstamo de bicicletas  da Concellería de Medio Ambiente “Roda Limpo” subiu nun  26%, incremento que se atribúe á maior disposición de tempo libre dos usuarios e á presencia de turistas na cidade.  O número total de usuarios xa é de 2.249, segundo o balance feito dende o Concello de Ourense.
A iniciativa, posta en marcha vai cara un ano, está dando bos resultados a criterio dos seus promotores. Aínda que dende o Concello de Ourense ponse especial énfasis nun aspecto: a necesidade de que o usuario contribúa ó mantemento das bicis.

Neste sentido, lémbrase que, se unha vez comprobada a bicicleta, se percibe que ésta non ofrece as condicións normais de uso e mantemento, deberase dar conta da mesma na Concellería de Medio Ambiente, na Oficina Municipal de Turismo, no Pabillón dos Remedios, ou nos teléfonos 988 227164 ou 988 388135, para levar a cabo a súa reparación satisfactoriamente, sen coste algún para o cidadán.
O Concello advirte que non por facelo se fai outra cosa que non sexa contribuir ó bo estado do material, o cal, polo tanto, o Concello de Ourense agradece ó usuario.

Os sitios de préstamo das bicis están distribuidos en seis puntos da cidade: na Praza da Mariña, no Pabillón dos Remedios, na Avda. Otero Pedrayo, na Praza Bispo Cesáreo e na Avda. De Zamora. O horario de disponibilidade nestes meses prolóngase de 9:00 h. a 21:00 h. Para gozar do servizo só é necesario solicitar a tarxeta de usuario na Concellería de Medio Ambiente, na Oficina Municipal de Turismo ou no Pabillón dos Remedios.

O sistema de préstamo “Roda Limpo” é resultado dun convenio de colaboración entre o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), o Concello de Ourense e o Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE), que ten como obxectivo facilitar e potenciar o uso da bicicleta como uso de transporte urbano no Concello de Ourense. Para máis información, pode consultarse a páxina web www.bicis.ourense.es.

Volver atras
Imprimir Página