Home  
 
 
 
 
  A Consellaría de Innovación e Industria amplía as axudas á substitución de electrodomésticos por outros eficientes a fornos e placas de cociña de indución e de gas. Este ano preténdese subvencionar a renovación duns 50.000 aparatos, o que inducirá un aforro enerxético equivalente ao consumo eléctrico anual de 7.170 familias. Segundo ven de anunciar o departamento de Fernando Blanco, o procedemento é tan sinxelo coma en anos anteriores, e chega con acercarse ós establecementos adheridos a este Plan Renove disposto para os aparellos electricos. En realidade é unha reedición do Plan que, con esta, acada a súa terceira edición.
 
 
Novo Plan Renove para os electrodomésticos dos galegos dotado con 4,5 millóns de euros e polo sistema dos anos anteriores  
26 de AGOSTO de 2008: OURENSE DIXITAL

A Consellaría de Innovación e Industria pon en marcha unha nova convocatoria do Plan Renove de Electrodomésticos cun orzamento total de 4,5 millóns de euros, medio millón máis que na edición de 2007 e 1,4 millóns máis que os destinados ao plan en 2006. Todos os galegos e galegas que fagan este cambio de electrodomésticos poden obter axudas do plan, que entra en vigor o 15 de setembro e remata co esgotamento dos fondos.

Segundo explicou o titular de Innovación e Industria, o conselleiro Fernando Blanco, o Plan Renove 2008 amplía o abano de electrodomésticos subvencionábeis. Así, se ata o de agora se apoiaba a substitución de lavadoras, lavalouzas e frigoríficos combi, este ano tamén será obxecto de axuda a renovación de fornos eléctricos e placas de cociña de indución e de gas. A contía das subvencións varía entre os 50 e os 125 euros, en función do electrodoméstico do que se trate e da súa clasificación enerxética, valorándose máis a maior eficiencia. O conselleiro destacou o incremento da contía no caso dos frigoríficos, conxeladores e combis de categoría A+ e A++ en 10 e 15 euros respectivamente. En calquera caso, a porcentaxe de subvención non poderá exceder do 25% do custe do aparato.

Este mesmo martes, día 26 de agosto, se abre o prazo para que os comerciantes interesados soliciten a súa adhesión ao Plan Renove, para o cal teñen que cubrir os formularios dispoñíbeis na páxina web do Inega (www.inega.es/planrenove). Ata o 15 de setembro están en tempo de forma de formalizar a solicitude, que no caso dos comerciantes que xa colaboraran co plan o ano pasado non terán máis que confirmar a documentación entregada ao Inega no seu día ou achegar aquela que sufrise algún cambio. O Inega comunicará aos comerciantes a aceptación enviándolles as claves necesarias para o acceso á aplicación web.

O proceso para obter as axudas é sinxelo. Coma en edicións anteriores, o usuario só terá que achegarse a un establecemento adherido ao Plan e mercar un dos electrodomésticos citados con eficiencia enerxética clase A ou superior, a un prezo que xa inclúe a minoración do importe da axuda. A continuación, o comerciante cumprimentará o formulario de solicitude que terá ao seu dispor na páxina web do Inega e que asinará o comprador. A relación posterior unicamente se establece entre o Inega e o establecemento comercial, que se compromete a enviar o antigo equipo para a súa recliclaxe e a tramitar no INEGA as solicitudes realizadas a mes vencido coa correspondente documentación para o pagamento do seu importe total por parte do Instituto.

Volver atras
Imprimir Página