A Dirección Xeral de Conservación da Natureza elaborou os plans de ordenación piscícola de 12 concas de ríos galegos, que nos vindeiros meses pasarán o trámite de exposición pública. Así mesmo, Medio Ambiente solicitará informes das consellerías con competencias na materia, para posteriormente presentar os plans á aprobación do Consello da Xunta mediante decreto.
Os plans de ordenación piscícola recollen datos sobre a situación de cada unha das concas, que permitirán realizar unha diagnose do seu estado mediante os datos da situación xeográfica, conservación dos tramos, hidroloxía e calidade das augas, a vexetación existente e o estado das poboacións piscícolas presentes nos ríos, determinando as especies, a poboación das mesmas e a súa idade.
Con esta batería de datos, cada plan presenta unha avaliación do estado piscícola dos ríos que permitirá á Consellería de Medio Ambiente planificar unha xestión ordenada dos recursos piscícolas e do seu aproveitamento, determinando por exemplo os tramos de pesca, as zonas de veda, a identificación de masas de auga en réxime especial, e permitirá establecer con criterios obxectivos as tallas, cupos e canas en función da poboación de peixes.
A Consellería de Medio Ambiente ten xa elaborados un total de 12 plans referidos a outras tantas concas de ríos galegos, que están a piques de iniciar a tramitación necesaria para a súa aprobación. Estes primeiros plans corresponden ás concas dos ríos Castro, Lago, Nego e Brens, en Fisterra; a do río Grande de Baio, a do río Anllóns e as dos ríos Sor e Mera, en Ortigueira, todos eles na provincia de A Coruña. A estes súmanse os plans das concas dos ríos Arnoia, Bibei, Avia, Limia, Támega, a conca do Edo e Mao, os ríos da comarca de Valdeorras e a conca dos ríos Deva, Cerves e Outeiro, todos eles na provincia de Ourense.
Outros 6 plans de ordenación están actualmente en fase de redacción, como son os das concas do río Mero, en A Coruña; e as dos ríos Navia, Lor, Neira, Eo, e a conca do Masma, Landro e Ouro, na provincia de Lugo. |