O obxectivo das 42 actuacións que se van realizar ao abeiro deste plan é mellorar os camiños rurais máis importantes, de xeito que se permita o tránsito de maquinaria agrícola, o seu acceso ás viñas e o transporte da uva ás adegas. Ademais proporcionaráselles aos viticultores un servizo de báscula para pesar a uva nun lugar próximo ao traballo da vendima, que estará situado na rotonda de Albarellos (Monterrei), e impulsaranse outras actuacións complementarias, dirixidas a garantir o correcto desenvolvemento da actividade vitícola na comarca.
Na súa intervención, Suárez Canal destacou a forte aposta que está a realizar a Consellaría do Medio Rural para impulsar o grande potencial da D.O. Monterrei, a través da aplicación de criterios que beneficien os produtores e os adegueiros nas diferentes ordes de axudas e de investimentos directos en infraestruturas rurais, como é o caso do proxecto que presentou. Neste sentido, explicou que se está a poñer en marcha –por segundo ano consecutivo– un plan de apoio específico dirixido á promoción dos caldos desta D.O., no que se están a investir un total de 300.000 euros.
“Dende Medio Rural estamos a promover unha nova política baseada no diálogo co sector co obxectivo de achegar posturas para optimizar recursos e fixar prezos que garantan rendas dignas, aumentar a rendibilidade para viticultores e adegueiros e mellorar as canles de distribución e de promoción dos viños das denominacións de orixe co obxectivo de consolidar e profesionalizar o conxunto do sector no futuro. Estas e outras actuacións están xa dando os seus froitos, ao incrementarse considerablemente ano a ano o valor da produción, o número de adegas e o capital inversor dentro desta denominación”, explicou o conselleiro. Así mesmo, lembrou que o seu departamento ten previsto investir este ano un total de 2.777.131 euros en obras de concentración parcelaria e de infraestruturas rurais (pistas, saneamento e abastecemento de auga, etc) nos concellos da comarca (Monterrei, Castrelo de Val, Verín, Oímbra, Laza, Cualedro, Vilardevós e Riós). |
 |