Home  
 
 
 
 
  A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou esta mañá o último trámite para completar a licitación dos traballos para elaborar un novo Plan de Urbanismo. Trátase do expediente de contratación e os pregos de cláusulas administrativas e técnicas para adxudicar, mediante concurso, a confección dunha nova cartografía do termo municipal de Ourense.  Xunto a este asunto, a reunión da Xunta de Goberno Local deste xoves aprobou tamén os proxectos da Casa da Maxia así como o proxecto de acondicionamento  da rúa Bedoia e a Praza de Paz Novoa.
 
Noticias Relacionadas
  Aprobado o expediente de contratación para adxudicar mediante concurso a redacción dun novo Plan de Urbanismo de Ourense
 
 
O Concello de Ourense saca a licitación en 604.000 euros unha nova cartografía de todo o termo municipal
1 de AGOSTO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou este xoves, na súa reunión desta semana, o expediente de contratación e os pregos de cláusulas administrativas e técnicas para aduxicar os traballos dunha nova cartografía do termo municipal de Ourense. Con este acordo, o Concello completa a licitación dos traballos de elaboración dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, despois de que na anterior xunta de goberno, celebrada o pasado xoves, 24 de xullo, se aprobaran o expediente de contratación e os pregos de cláusulas administrativas e técnicas para adxudicar, mediante un concurso, a redacción do novo Plan.
O Concello destinará un investimento de 604.168,02 euros á realización da nova cartografía, con cargo ós orzamentos do Concello para o ano en curso.

O concurso ten por obxecto a confección dunha cartografía urbana a escala 1/500 dos núcleos urbanos e da cartografía a escala 1/2000 da totalidade do termo municipal. Así, os traballos abranguerán toda a superficie de solo urbano existente na cidade de Ourense, ademáis das previsibles zonas de expansión e de núcleos urbanos da periferia, estimándose unha superficie total de 1.825 hectáreas.

A xunta local deu tamén aprobación definitiva ó modelo xeral de estatutos e bases de actuación para xuntas de compensación do Concello de Ourense.

Na mesma sesión, a xunta local aprobou os proxectos de acondicionamento de espazos urbanos e renovación de servizos nas rúas Bedoia e Paz Nóvoa, ós que o Concello destinará investimentos por valor de 623.009,47 e 455.300,91 euros, respectivamente (IVE engadido).
Tamén deu aprobación ó proxecto básico e de execución da Casa da Maxia, que acondicionará o Concello no Casco Vello da cidade, por un importe de 231.999,97 euros.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página