Home  
 
 
 
 
  Trala detención dun traballador da empresa SEAGA como presunto autor de varios lumes forestais no Concello de A Veiga, feito que trascendeu o pasado día 25, a Asociación Profesional do Persoal Laboral do Servicio Público de Prevención e Extinción da Xunta de Galicia, APROPIGA, móstrase públicamente en desacordo coa maneira de proceder da Consellería de Medio Rural. Segundo APROPIGA, Medio Rural fai "un claro deixamento das funcións" ao limitarse á acusación particular chegado o momento, "non asumindo a responsabilidade que lle corresponde polo fracaso que supón que sexa SEAGA a empresa que contratou ó traballador detido", sinala APROPIGA. No comunicado que ven de emitir esta Asociación, cuestiónanse varios aspectos do proceder do departamento de Suárez Canal.
 
Noticias Relacionadas
  Detido en Ourense un traballador de reforzo da loita contra o lume, posiblemente de SEAGA, como presunto autor de catro lumes
 
 
APROPIGA pide a Medio Rural que esixa responsabilidades a SEAGA por contratar ao presunto incendiario de A Veiga  
31 de XULLO de 2008: OURENSE DIXITAL

Ante a detención dun traballador da empresa Seaga como causante de varios lumes forestais no concello ourensán da Veiga, dende a Asociación Profesional do Persoal Laboral do Servizo Público de Prevención e Extinción de Incendios Forestais da Xunta de Galicia (Apropiga) queremos mostrar o noso desacordo coa maneira de proceder da Consellería de Medio Rural nestes feitos.

Medio Rural, co seu Conselleiro á fronte, fai un claro deixamento das funcións que lle corresponden ó limitarse a anunciar que se vai presentar como acusación particular no xuízo do presunto incendiario, pero non asumindo á responsabilidade que lle corresponde polo fracaso que supón que sexa Seaga a empresa que contratou ó traballador detido.

Seaga foi creada pola Consellería de Medio Rural no ano 2007 e anunciada polos seus responsables como o comezo da profesionalización na loita contra os incendios forestais en Galicia, nun claro desprezo ós/ás traballadores/as do SPDCIF que durante máis dunha década levamos adiante estas labores, á vez que supuxo a externalización dunha parte do Servizo Público coas consecuencias que iso supón e que se están a ver no modelo de contratación do seu persoal.

A responsabilidade de Medio Rural é, polo tanto, non facer anuncios de cara á opinión pública cunha intención electoral, senón  a de esixir responsabilidades á empresa Seaga para previr que non volvan a acontecer casos coma este e que, individuos sen escrúpulos, usen os servizos de extinción para atentar contra a vida dos/as compañeiros/as e contra o patrimonio natural de Galicia.

Dende Apropiga, apelamos á sociedade  para que non se resigne a ver como o goberno da Xunta mira cara outro lado diante dun caso tan grave, limitándose a actuar como acusación particular contra o detido, namentres non move un dedo para cambiar o sistema que permite que individuos así campen ás súas anchas no actual modelo de extinción de incendios da Consellería.

O goberno está obrigado, polo seu compromiso con todos os galegos, a analizar e reformular o modelo organizativo que supón a creación da sociedade anónima Seaga, recuperando ás súas obrigas na labor de organización e mando do dispositivo, analizando as carencias e corrixindo os erros que permitiron que algo así sucedera.

Dende Apropiga levamos meses denunciando a creación da sociedade anónima Seaga, xa que introduce criterios mercantilistas na prevención e extinción de incendios forestais. Manifestamos os problemas de persoal que arrastra a sociedade anónima Seaga (cun preocupante déficit de contratación de 700 traballadores xa no seu primeiro ano de funcionamento) así como os complementos salariais que retribúen a labor desenvolvida polos seus traballadores e que son de difícil encaixe nun Servizo que debería ser público xa que, entre eles, atópanse un plus de produtividade na extinción ou o cobro de horas extras nos períodos de baixo risco, gratificacións introducidas coa creación de Seaga e que nunca existiron dende a creación do SPDCIF polo que, ó noso entender, introducen criterios de beneficio económico na prevención e extinción de incendios forestais, fomentando o binomio “a máis lume, máis traballo”; á vez que, co modelo de contratación dos traballadores de Seaga, precarízase o emprego e repítense os modelos que se pretendían erradicar coa eliminación das brigadas municipais.

Pedimos do goberno autonómico que tome as medidas necesarias para que este lamentable feito non volva repetirse, para o cal é imprescindible que aposte por un Servizo Público de Extinción e Prevención no que o acceso á condición de traballador/a sexa por unha oposición baseada nos principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade e non nos criterios que utiliza Seaga. Evitaremos así que, con casos coma este, se ensucie a imaxe dun colectivo formado por traballadores/as que nos xogamos a vida na extinción de cada un dos miles de lumes que se producen cada ano en Galicia.
Volver atras
Imprimir Página