Home  
 
 
 
JOSE CERDEIRA 
 

Pérez Bouza

 
  O senador do BNG por designación autonómica, Xosé Manuel Pérez Bouza, acusa á ministra ourensá de Medio Ambiente, Elena Espinosa de "enganar á cidadanía de Ourense". Pérez Bouza lembra que Espinosa na súa visita a Ourense negou ter asinado o Informe de Impacto ambiental do proxeto da Central de Santo Estevo II, no curso do río Sil. Pola contra, este martes, día 8 de xuño, "se publica no BOE o visto bón do Ministerio ao proxecto", sinala Pérez Bouza.  
 
 
 
Elena Espinosa
O senador do BNG Pérez Bouza acusa á ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa, de "enganar á cidadanía de Ourense"
10 de XULLO de 2008: OURENSE DIXITAL

O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, realizou este mércores unha dura crítica á Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, a ourensá Elena Espinosa, por "enganar á cidadanía de Ourense" co proxecto de Iberdrola denominado Central de Santo Estevo II.  
O senador nacionalista lembra que Elena Espinosa na súa visita a Ourense o pasado 3 de xullo, negou ter información respecto a este proxecto de aproveitamento do río Sil e incluso deixou claro que non asinara ningunha Declaración de Impacto Ambiental. "Pero cando nin siquera pasou unha semana resulta que o BOE publicou este martes o visto bón a este plan de Iberdrola. Todo o mundo pode consultar a resolución do Ministerio de Medio Ambiente asinada xa o pasado 23 de maio", sinala o senador nacionalista por designación autonómica.  

Posicionamento favorable da ministra

Sinala o senador do BNG, que o BOE recolle na súa conclusión que "en consecuencia, o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, á vista da Proposta de Resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de 22 de maio, formula declaración de impacto ambiental favorábel á realización do Aproveitamento Hidroeléctrico no río Sil, en Nogueira de Ramuín. Central de Santo Estevo II".   
Xosé Manuel Pérez Bouza puxo de manifesto a oposición do BNG aos catro proxectos de aproveitamento hidroeléctricos no Sil e no Miño presentados tanto por Iberdrola como por Fenosa. Subliña "a posición incoherente do Goberno que entre os seus propósitos de lexislatura enfatiza a aposta polo medio ambiente e logo dá o visto bón a proxectos como o de Santo Estevo II que afecta a un Lugar de Interese Comunitario (LIC) no Canón do Sil, e pertence á Rede Natura 2000. Sen esquecer que a apertura de túneis-galería para realizar o aproveitamento producirá grandes cantidades de cascallos co conseguinte impacto nesta zona de grande valor ecolóxico e paisaxístico".

Burla 

Recorda así mesmo o senador nacionalista, que este mismo martes rexistrou unha iniciativa parlamentar na que preguntaba á Ministra sobre o Informe de Impacto Ambiental da Central de Santo Estevo II. Polo que de algún xeito Pérez Bouza se sinte burlado e particularmente enganado.

Agora, o BNG solicita a comparecencia da Ministra "para que explique a posición sobre os proxecto de aproveitamento do Sil". O parlamentar do BNG lamenta públicamente este modo de proceder e agarda coñecer a posición do Executivo perante os outros tres proxectos pendentes. "Esta é a razón pola que solicitou a comparecencia da Ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa, no Senado para que aclare, informe e explique a súa posición en relación cos catro proxectos de aproveitamento hidroeléctrico no Sil e no Miño", sinala Pérez Bouza.


Volver atras
Imprimir Página