No acto de inauguración da XLV Feira do Viño do Ribeiro, o Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asegurou que posiblemente á volta do verán se crearán as Rutas do Viño de Galicia, unha iniciativa que impulsará a promoción dos viños galegos e a xeración de riqueza nas comarcas vitivinícolas. Afirmou Quintana que, con este paso, o noso País “adéntrase na promoción do enoturismo de calidade” baixo unha marca unificada que aposta por un turismo con denominación de orixe, sustentado na valorización dos recursos propios.
“Queremos facer do País unha nova terminal turística arredor do viño”, dixo, e explicou que esta iniciativa contribuirá non só á promoción dos caldos galegos, senón tamén á xeración de riqueza nas comarcas vitivinícolas. Por un lado, permitirá ampliar e unificar a oferta de servizos e actividades turísticas nas zonas de produción, ao tempo que contribuirá a impulsar a diversificación económica, a xeración de emprego estable e a estimulación demográfica; por outro, favorecerá a posta en valor do noso patrimonio produtivo, cultural e natural.
Ribeiro
Quintana afirmou que existe en Galiza unha auténtica cultura do viño que é unha parte fundamental do noso patrimonio social e cultural, e sinalou a Feira de Ribadavia como “o máis claro expoñente de que a cultura do viño está viva e ten futuro”. O vicepresidente indicou que a Feira do Viño do Ribeiro tense convertido en icono da cultura gastronómica e referente para o sector e destacou os novos desafíos asumidos polo certame nesta XLV edición: o impulso á profesionalización, a proxección internacional dos viños ou a reivindicación deste sector como eixe central da industria agroalimentaria galega.
Quintana tivo palabras de felicitación para a Denominación de Orixe, que coas súas 2.700 hectáreas e máis de 5.000 produtores inscritos “fai do Ribeiro un dos alicerces do modelo de produción vitivinícola de Galiza”. Así, transmitiu tamén os seus parabéns aos viticultures e técnicos das adegas, pola valoración de excelente obtida pola colleita de 2007.
Compromiso co Ribeiro
Quintana fixo referencia ao Plan de Impulso Vitivinícola do Ribeiro 2008-2010 como exemplo do compromiso da Consellería de Medio Rural coa comarca. Este Plan, con impacto en 14 concellos e un orzamento superior aos 23,6 millóns de euros, é o primeiro plan específico para unha denominación de orixe posto en marcha polo Goberno da Xunta nesta lexislatura. Sobre o seu desenvolvemento, o vicepresidente asegurou a decisión de darlle o maior ritmo posible á súa aplicación e execución, e neste camiño sinalou que se vai ampliar a dimensión da actuación relativa á mellora de infraestruturas rurais para o viñedo. En primeiro lugar, duplicarase o orzamento desta liña específica, que pasa de 1,1 millóns previstos inicialmente a 2,2, a investir en 68 actuacións en 12 concellos. Por outra parte, Quintana tamén garantiu o inicio da execución de todas as obras neste 2008, “co que iso implica para a creación e fixación de emprego nun contexto de crise económica como o que vivimos”.
Museo Galego do Viño
O vicepresidente lembrou que nesas mesmas coordenadas de compromiso coa comarca inscríbense tamén as actuacións que a Consellería de Cultura está a realizar no Ribeiro, como a reactivación das instalacións náuticas de Castrelo de Miño, o impulso á Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia ou o compromiso coa posta en valor dos monumentos máis emblemáticos da comarca, accións que contan cun orzamento executado ou comprometido superior aos 6 millóns de euros. Entre estas actuacións, pola súa especial significación, destacou a construción do Museo Galego do Viño en Ribadavia, “que vai converter ao Ribeiro na capital da Galiza vitivinícola”. |
 |