A Audiencia Provincial de Ourense ven de desestimar o recurso de apelación interposto polo alcalde de Beade, Senén Pousa, contra a sentenza ditada polo Xulgado de Ribadavia o pasado marzo, na que se absolvía aos concelleiros do PSdeG-PSOE, Benito Cibeira e Miguel Ángel Carreiro, despois dun xuízo de faltas. O pasado mes de xaneiro os concelleiros socialistas presentaron unha denuncia contra o alcalde popular, Senén Pousa, despois de que este dera orde aos traballadores do Concello de non dar folios en branco aos concelleiros do PSdeG-PSOE para pór unha queixa pola negativa do alcalde a convocar o Pleno e, a negativa a recibilos.
Tras a celebración do xuízo, o Xulgado de Ribadavia absolveu aos concelleiros socialistas e ao alcalde alegando malas relacions entre os tres. Pero Senén Pousa formalizou un recurso de apelación ao non estar conforme co fallo, ao que tamén se opuxo o Ministerio Fiscal e que agora ven de desestimar a Audiencia Provincial.
A Audiencia "nin tan sequera entra a valorar os motivos para impugnar a sentenza, porque ditos motivos son inadecuados procesalmente para impugnar a sentenza de primeira instancia", sinálase dende o Partido Socialista.
O concelleiro socialista Miguel Ángel Carreiro amosou a súa satisfacción ao coñecer o pronunciamento da Audiencia Provincial, e sinalou que espera que "a partir de agora o alcalde convoque os plenos ordinarios e os extraordinarios que solicite a oposición e, deixe de obstaculizar a labor do Grupo Municipal Socialista".
|