As actuacións encamiñadas á divulgación inclúen a construcción dos centros de interpretación da Reserva da Biosfera do Eo e do parque de Fragas do Eume, así como dos futuros parques de Ancares, Caurel, Pena Trevinca e Macizo Central, e a Aldea Ambiental do Xurés, estas tres últimas actuacións na provincia de Ourense.
Para a recuperación e protección de especies está prevista a construcción do Centro de Mamíferos Mariños en Baiona (Pontevedra) e a Aula do Centro de Natureza de Ribas de Sil, no Caurel (Lugo)
O Ministerio de Medio Ambiente aportará 33,1 millóns de euros e a achega da consellería será de 5,2 millóns
O Consello da Xunta autorizou este xoves a subscrición do convenio entre a administración central e a autonómica para a execución dunha serie de accións encamiñadas á recuperación de fauna e flora en perigo de extinción e á conservación e restauración dos espazos protexidos que forman parte da Rede Natura.
Así, o convenio contempla a construcción de centros de recuperación de fauna e flora ameazada e centros de interpretación na Rede Natura, xunto a outras accións de divulgación e concienciación sobre a diversidade biolóxica, a conservación de espazos naturais, programas para o mantemento da flora e fauna e accións de recuperación de especies en perigo de extinción, entre outras.
Centros de Interpretación e Recuperación
Co obxectivo de conservar os espazos naturais e divulgar a biodiversidade existente na Rede Natura, o convenio inclúe a construcción de centros de interpretación na Reserva da Biosfera do Eo e no Parque Natural das Fragas do Eume (A Coruña). Así mesmo, proxectase a construcción dos centros de interpretación dos futuros parques de Ancares e Courel (Lugo) e de Pena Trevinca e Macizo Central (Ourense), xunto a Aldea Ambiental do Parque Natural do Xurés, en Ourense.
Para contribuír á recuperación da fauna ameazada, o ministerio e a consellería acometerán o proxecto do Centro de Mamíferos Mariños, que estará situado en Baiona (Pontevedra) e a Aula Centro da Natureza de Ribas de Sil, no Caurel (Lugo).
Entre as accións destinadas á conservación do hábitat e especies da Rede Natura, está previsto executar a recuperación de turbeiras e humidais, o desenvolvemento de programas de conservación da biodiversidade, accións de recuperación de especies ameazadas, custodia do territorio, e conservación de corredores ecolóxicos e ecosistemas fluviais e eliminación de especies exóticas invasoras.
Financiamento
O Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño aportará 33,1 millóns de euros para o desenvolvemento das accións previstas no convenio, mentres que a Consellería de Medio Ambiente realizará unha achega de 5,2 millóns, financiada nun 70% con cargo aos fondos Feder.
A aportación de cada unha das partes dividirase en seis anualidades, entre 2008 e 2013, período no que estará en vigor o convenio. Así, o investimento do ministerio será de 1 millón de euros en 2008, e sete millóns cada ano ata o 2013, no que será de 4,1 millóns. Pola súa parte, a consellería achegará 200.000 euros no presente ano, e 1 millón de euros no resto das anualidades. |
 |