Home  
 
 
 
 
  A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, denuncia que "vén de tomar coñecemento do importante dano ambiental que recentemente acaba de autorizar o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Medio Mariño, que preside a Ministra ourensá Elena Espinosa".  Sinala a organización ecoloxista que se trata da autorización dun aproveitamento hidroeléctrico a Iberdrola co que ADEGA considera que "o río Sil recibirá unha puñada mortal definitiva".
 
 
ADEGA califica de "puñada ao Sil" a autorización que lle acaba de dar o Ministerio de Espinosa a Iberdrola para outra presa nos Canóns
4 de XULLO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

Segundo ADEGA, con esta autorización de aproveitamento hidroeléctrico á empresa Ibedrola "o río Sil recibirá unha puñada mortal definitiva", tendo en conta que o citado aproveitamento hidroeléctrico “Santo Estevo II” afecta ao LIC (Lugar de Interese Comunitario) Canón do Sil, pertencente á Rede Natura 2000 e polo tanto suxeito á Directiva 92/43/CEE relativa á Conservación dos Hábitats Naturais e da Flora e Fauna Silvestre, tamén coñecida como Directiva Hábitats. 
Ademais, "o citado aproveitamento debe estar sometido á realización de

Estudo de Impacto Ambiental en base ao punto anterior e ao Real Decreto 1302/1986 de Impacto Ambiental no seu Anexo II, Grupo 4, apartado C". 
En terceiro lugar, ADEGA repara en que a apertura de túneles-galería necesarios para realizar o aproveitamento "producirá grandes cantidades de cascallos e entullos que afectarán gravemente á conservación do citado LIC “Canón do Sil”, así como os efectos do aproveitamento do caudal ecolóxico para o turbinado poden ter graves efectos sobre multitude de especies e hábitats protexidos". Subliña o colectivo ecoloxita que haberá que ter en conta que estas obras teñen "carácter INCOMPATIBLE  coa función de Conservación que debe prevalecer en virtude do interese público"

Por todo esto, "ADEGA solicita a retirada do proxecto en base ao seu grave  impacto ambiental, social e a carencia de interés público das obras posto que os supostos beneficios económicos que conleva para a empresa promotora serían moito menores que os prexuizos que causaría á sociedade". 
Recorda ademais a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia que este aproveitamento fora rexeitado cun informe negativo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible por afectar a un espazo da Rede Natura, ao tempo que recorda que "Os Canóns do Sil integran un importante recurso xeolóxico que foi seleccionado para o proxecto Geosites dentro do traballo que leva a Unesco para inventariar aqueles lugares que integran o patrimonio xeolóxico español (144 lugares propostos) que, pola súa importancia, proporá o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España".
 
Volver atras
Imprimir Página