Home  
 
 
 
 
A escritora e poetisa ourensán, Pura Vázquez, decidiu doar á Deputación Provincial de Ourense a súa biblioteca persoal, que consta de 226 títulos que teñen como tema xeral a narrativa galega e española no século XX. Pura Vázquez e Baltar Pumar, presidente da institución provincial, asinaron o documento que constata a valiosa donación cultural feita este martes por Pura Vázquez. Baltar anunciou que os fondos pasan a formar parte das bibliotecas escolares "para que os máis novos poidan disfrutar dunha obra que ela tantas veces lles dedicou nos seus escritos".
 
 
 
Pura Vázquez donou á Deputación a sua biblioteca persoal que pasa a formar parte dos fondos das bibliotecas escolares
3 de XULLO de 2008: OURENSE DIXITAL

Ademais dos 226 títulos de que consta a biblioteca persoal que Pura Vázquez doa a Deputación de Ourense, hai 27 títulos orixinais manuscritos da súa obra e 981 exemplares da obra publicada por Dona Pura Vázquez. Complétase con diverso material fotográfico, varias caixas con correspondencia persoal e obxectos persoais e distincións (premios, medallas e títulos).

"Dona Pura quixo achegar a súa obra a tódolos ourensáns e por eso escolleu a Deputación Provincial de Ourense, que recibe de maneira agradecida esta doazón  e dado que a autora exerceu moitos anos como mestra en varias escolas, a Deputación, dacordo cos seus albaceas testamentarios, vai compartir parte deste legado cos centros de ensino da nosa cidade, repartindo un lote de libros da escritora", sinalou o presidente da institución provincial, José Luis Baltar, no acto de doación realizado no Pazo Provincial, sede da Deputación ourensá.
O presidente da Deputación sinalou, así mesmo, que "pretendemos que formen parte dos fondos das bibliotecas escolares para que os máis novos poidan disfrutar dunha obra que ela tantas veces lles dedicou nos seus escritos".

O titular da Deputación ourensá agradeceu o compromiso de "ourensania" de Dona Pura Vázquez, "que pasa a formar parte da Deputación de Ourense xunto a nomes tan ilustres que a precederon como Eduardo Blanco Amor, Ben-Cho-Sey, Benito Fernández Alonso ou Matilde Lloria", sinalou José Luis Baltar.
Recordou tamén o presidente da institución provincial ourensá, que a relación da Deputación coas irmáns Pura e Dora Vázquez "ven de longo e xa a nosa institución creou hai anos o Premio Pura e Dora Vázquez de Narración e Ilustración Infantil e Xuvenil como sinal de recoñecemento do seu valor literario e do seu compromiso con esta provincia"

Volver atras
Imprimir Página