O deputado nacional, Alberto Fidalgo Francisco, e o senador, Miguel Fidalgo Areda, compareceron en rolda de prensa para facer balance da actuación do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero nos primeiros 100 días de lexislatura.
Recoñeceron que “o comezo da lexislatura está a ser intenso”, e explicaron que “o Goberno dirixido por Zapatero acelerou a toma de decisións para afrontar as dificultades económicas derivadas do incremento dos prezos do petróleo”.
“Dende o primeiro día o Goberno de España adoptou medidas importantes para paliar os efectos negativos derivados da crise económica mundial", sinalaron este martes en Ourense o deputado nacional Alberto Fidalgo e o senador Miguel Fidalgo Areda cando fixeron balance dos primeiros cen días do goberno de José Luis Rodríguez Zapatero nesta segunda lexislatura.
Dende o Partido Socialista destacáronse as medidas que o Goberno Zapatero leva adoptado nestes dous meses “para inxectar diñeiro nas familias e nas empresas co fin de incrementar así o consumo. Para elo aprobáronse medidas como a rebaixa na retención do IRPF de 400 euros que beneficiou a 100.000 familias ourensanas, o Plan Renove para a rehabilitación de vivendas ou o Plan Vive para a renovación de vehículos de máis de 15 anos, medida que afecta a 45.000 vehículos de toda a provincia”, sinalaron os socialistas ourensáns.
Segundo Alberto Fidalgo e Miguel Fidalgo "o Goberno está atento ás dificultades que están atravesando as familias e as empresas, proba diso é que no primeiro mes de lexislatura adoptáronse máis de 60 medidas, tan só no mes de xuño aprobáronse 21 actuacións estruturais para facer fronte a esta situación de dificultade"
.
Alberto Fidalgo insistiu en que “as infraestruturas e as políticas sociais non se verán resentidas polas dificultades económicas. A austeridade no gasto, o incremento da licitación de obra pública e o diálogo social marcarán esta lexislatura que acabamos de comezar.”
Destacou o compromiso do Goberno de España coa posta en marcha da Lei da Dependencia e, a boa acollida da Renda Básica de Emancipación, solicitada xa por 1.000 xóvenes na provincia de Ourense. A pesar de que o número de pensionistas reduciuse en máis de 1.000, a provincia de Ourense recibe 3,5 millóns de euros máis en concepto de pensión.
O PP non é quén de criticar no AVE
Con respecto ás críticas do Partido Popular sobre os retrasos na execución das obra do AVE, Alberto Fidalgo asegurou que “o Partido Socialista non está disposto a recibir leccións do PP. Durante o Goberno do Partido Popular a execución das obras do AVE entre Ourense e Santiago foi case nula, un 0,27%, cunha inversión de 4,9 millóns de euros fonte a execución actual, case do 70%, con máis de 500 millóns de euros de inversión. Entre os anos 2001 e 2004 o Goberno de Aznar invertiu en ferrocarrís en toda a provincia de Ourense só 37,8 millóns de euros.Esta é a realidade do que fixo o Partido Popular e do que está a facer o Goberno do Partido Socialista”.
Dende o Partido Socialista critican “aos que se dedican a facer caixa electoral tratando de enganar á cidadanía cando non puxeron un duro par as obras do AVE ” e, garanten que “as obras seguirán executándose ao bo ritmo actual ”.
|