Home  
 
 
 
 
  Amigos da Terra solicitou en varias ocasións á delegación de Industria de Ourense o Plan de Labores Anual dunha das explotacións mineiras sitas no municipio ourensá de Toén, sen que este foxe remitido á organización que finalmente interpuxo queixa ante o Valedor do Pobo. Agora, o colectivo recurre ao Valedor do Pobo e chega a concluir que "os intereses que nesta zona existen ao redor das explotacións mineiras, e coa presunta conivencia administrativa que estas obteñen, fóra de todo uso legal, deixan desamparado un dos bosques caducifolios máis importantes da provincia de Ourense".
 
 
Amigos da Terra recorre ao Valedor do Pobo ante a sospeita de complicidade de Industria e unha canteira de Toén
Fotografía: AMIGOS DA TERRA
17 de XUÑO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

Segundo Amigos da Terra, a Lei de Minas de 1973 e o Regulamento que a desenvolve de 1978 regulan no seu articulado a obriga que ten o titular da explotación mineira de presentar ante a delegación provincial de Industria o Plan de labores anual, axustado a un modelo oficial e asinado polo técnico responsable. Este Plan contén datos como a definición das escombreiras, tamaño, situación, pendente ou sistema de restauración da explotación mineira.

A normativa establece que o incumprimento desta obriga supón a imposición de sancións que van ata os 300 euros e a reincidencia da situación de obviar a presentación de dito Plan, suporá a caducidade da autorización de explotación.
Pola súa parte, a recente Lei de Ordenación da Minería de Galicia contén a obriga de presentar o Plan para a súa aprobación polo órgano mineiro competente e cumprimentado e asinado polo director facultativo.

Ante esta situación, Amigos da Terra interpuxo queixa ante o Valedor do Pobo en febreiro do presente ano, a cal foi admitida a trámite. Esta institución xa enviou á organización ambientalista dous escritos nos que expón a súa imposibilidade á hora de obter dito Plan e que continua a súa insistencia e esixencia á delegación de Industria para que llo facilite.
"É doado pensar que o Plan non existe e que a administración non foi quen de obrigarllo ao titular da explotación. Os intereses que nesta zona existen ao redor das explotacións mineiras, e coa presunta conivencia administrativa que estas obteñen, fóra de todo uso legal, deixan desamparado un dos bosques caducifolios máis importantes da provincia de Ourense", conclúe sinalando Amigos da Terra que, ante a presunta complicidade da administración coa empresa, recorre ao Valedor do Pobo.

Dende o colectivo ecoloxista sinálase que "a promulgación de novas leis tendentes á protección do medio ambiente ou leis que conteñen artigos que inciden directa ou indirectamente na conservación do entorno, serán inútiles se os órganos encargados de facer cumprir o seu contido e, polo tanto, facer cumprir a legalidade, omiten funcións das que son competentes en detrimento do medio ambiente", remataba advertindo Amigos da Terra.

 
Volver atras
Imprimir Página