Home  
 
 
 
 
  A mostra, que se poderá visitar ata o vindeiro 31 de maio, descrebe a enfermidade da SIDA en África, a través de imaxes de persoas afectadas por esta epidemia. A Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galiza colabora nesta exposición, que está organizada por Médicos do Mundo e financiada pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior e pola Axencia Española de Cooperación Internacional.
 
 
A exposición "Fotográfica, vidas arredor da Sida", no Centro Comarcal de Valdeorras ata finais deste mes
21 de MAIO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

O Centro Comarcal de Valdeorras acolle ata o vindeiro 31 de maio a mostra “FotogrÁfrica, vidas arredor da Sida”, organizada pola ONG Médicos do Mundo. A exposición é o resultado do traballo de catro fotógrafos que viaxaron a África para retratar a realidade desta epidemia e mais para ensinarlles aos propios afectados a empregar os medios audiovisuais para transmitir as súas vivencias e o seu punto de vista.

Os fotógrafos Lorena Ros, Javier Teniente, Xulio Villarino e Rosina

Ynzenga impartiron obradoiros a mulleres de Namibia, a persoas seropositivas de Senegal, a persoal sanitario en Mozambique e mais a un grupo de mozos de Angola. Os traballos que saíron destas xornadas, así como as instantáneas destes catro profesionais recóllense nesta exposición colectiva, que vai percorrer diferentes lugares de Galiza. A través de visitas guiadas, obradoiros, vídeos e mesas redondas, a ONG Médicos do Mundo tratará de sensibilizar a sociedade galega e de dar a coñecer a problemática da sida na África subharariana.

A Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galiza –dependente da Consellaría do Medio Rural– colabora na realización desta mostra na comarca de Valdeorras. A exposición está financiada pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia e mais pola Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI).

“FotogrÁfrica, vidas arredor da sida” pódese visitar na sede do Centro Comarcal de Valdeorras, en horario de 10:00 a 14:30 e de 17:00 a 20:00, de luns a venres, e de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, durante as fins de semana e os días festivos.

 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital