Home  
 
 
 
 
Constituida polos concellos de Amoeiro, Coles, A Peroxa, Vilamarín, Piñor, Ribadavia, Cortegada, Maside e Carballeda de Avia recibirá un investimento de 60.000 euros por parte de sanidade. Trátase dunha unidade de fomento de estilos de vida saudables, que desenvolverá proxectos relacionados coa práctica do exercicio físico, difusión e promoción da dieta atlántica e fomento dunha vida libre de drogas. As axudas serán empregadas principalmente para a contratación, por parte da unidade, dun licenciado ou licenciada en educación física e dun técnico ou técnica en Dietética e Nutrición Humana
 
 
 
Nove concellos de Carballiño e O Ribeiro constitúen unha unidade de fomento de estilos de vida saudables
15 de ABRIL de 2008: OURENSE DIXITAL

O delegado provincial da Consellería de Sanidade, Juan Monedero Aguilera, presentou este luns a nova “Unidade de Concello Saudable” constituida polos concellos de Amoeiro, Coles, A Peroxa, Vilamarín, Piñor, Ribadavia, Cortegada, Maside e Carballeda de Avia, e os proxectos que se porán en marcha no marco desta iniciativa, cofinanciada pola Consellería de Sanidade cun investimento de 60.000 euros, para fomentar os estilos de vida saudables desde as comunidades locais.
Na presentación o delegado estivo acompañado polos alcaldes dos concellos implicados neste proxecto.

Esta iniciativa da Dirección Xeral de Saúde Pública forma parte, dunha banda, das estratexias da Consellería para o fomento da participación da cidadanía na planificación e xestión dos servizos sanitarios e doutra, das actuacións cara a promoción de estilos de vida saudables para facer fronte a “vellos” problemas de saúde recollidos no Plan de Saúde de Galicia (como as enfermidades cardiovasculares, os cancros ou a diabete)  incrementados polos “novos” hábitos de vida, como o sedentarismo, a mala alimentación e o tabaquismo.

En Ourense o número de concellos adscritos é de 19 e constituíronse dúas Unidades  de Concellos Saudables, formadas por municipios de menos de 10.000 habitantes, a que se presentou hoxe de Arenteiro-Ribadavia e a que agrupa aos concellos de Celanova, formada por Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Verea, Ramirás, Quintela de Leirado e Pontedeva. Xunto a elas, as de Carballiño e Ourense, incluídas, respectivamente nas categorías de vilas entre dez mil e cincuenta mil habitantes, e cidades con mais de 50.000, sendo Ourense a única cidade galega que participa na iniciativa.
O obxectivo final do proxecto “Concellos Saudables” é mellorar a situación actual dos hábitos e estilos de vida practicados pola cidadanía, implicando aos concellos na promoción da vida sen tabaco e alcohol, na promoción dunha alimentación equilibrada do tipo da dieta atlántica, e na promoción da práctica diaria do exercicio físico necesario para o mantemento e a mellora da saúde. Todo elo no marco do movemento europeo de Cidades Saudables, ao que Sanidade tenta incorporar progresivamente o maior número de concellos galegos, participando activamente na promoción da saúde dos seus veciños e veciñas
Os proxectos a desenvolver céntranse na estimulación da práctica frecuente de actividade física en todas as idades, e na difusión e promoción dunha dieta atlántica saudable que se tende a abandonar por outras máis industriais e menos saudables, así como nunha vida sen tabaco, alcohol e outras drogas.

Volver atras
Imprimir Página
 
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital