Home  
 
 
 
 

Ricardo Varela

 
  O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, anunciou este venres en Ourense un investimento dun millón de euros "para remover os obstáculos que sobre o emprego pode producir a maternidade e outras situacións do ámbito da familia".
Ricardo Varela anunciou dous tipos de axudas, as dirixidas a financiar a reincorporación de traballadores e as destinadas a subvencionar os contratos de substitución. Ocurriu nun encontro que mantivo o conselleiro no Parador de Santo Estevo.
 
 
Ricardo Varela presentou en Ourense programas da Consellería de Traballo para favorecer a vida laboral e familiar
12 de ABRIL de 2008: OURENSE DIXITAL
   

Coa finalidade de promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no acceso e permanencia no emprego, a Consellería de Traballo promove unha liña de incentivos á contratación dirixidos a favorecer a vida laboral e familiar. Para este fin, o departamento que dirixe Ricardo Varela destina un orzamento dun millón de euros. Esta medida de conciliación está incluída no Programa Concerta, iniciativa cuxo propósito é conciliar os tempos de vida (domésticos, parentais e privados) cos de traballo remunerado.
Este programa, sinala a Consellería de Traballo, está incluído no Plan Aurora de Emprego Feminino, posto en marcha pola Consellería de Traballo o pasado mes de febreiro. Entre os retos deste plan están promover a incorporación de máis mulleres ao mercado laboral, incrementar a calidade do emprego feminino, incorporar mulleres a profesións nas que están subrepresentadas e garantir a igualdade na negociación colectiva.

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, fixo este anuncio durante a inauguración das xornadas A reciclaxe profesional das mulleres no ámbito rural galego, organizadas pola Asociación de Empresarias de Ourense. Varela manifestou que os obxectivos desta liña de incentivos é remover os obstáculos que sobre o emprego pode producir a maternidade e outras situacións do ámbito da familia.
Nese senso, o departamento que dirixe Ricardo Varela estableceu dous tipos de subvencións. Por unha banda, axudas ás empresas que reincorporen traballadores tras un proceso de maternidade ou paternidade e, por outro lado, axudas ás empresas que substitúan persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con redución da xornada de traballo por motivos familiares.

Excedencia por paternidade

O conselleiro sinalou que os beneficiarios desta actuación son as empresas, independentemente da forma xurídica que adopten, que contraten persoal para suplir as baixas ou que reincorporen traballadores en excedencia, que abandonaran a súa actividade laboral por cuestións de índole familiar. Pola contra, non poderán beneficiarse destas axudas as administracións públicas e as sociedades públicas, así como as entidades vinculadas ou dependentes.
No caso dos contratos de interinidade, estes incentivos poderán solicitarse nos dous meses seguintes á data na que se produza a reincorporación do traballador ou do inicio da actividade laboral. En calquera caso, o prazo de presentación de solicitudes destas subvencións finaliza o 15 de setembro, aínda que nesta data non transcorresen dous meses desde a realización do contrato obxecto desta prestación.

Contratación de pais e nais

Ricardo Varela recalcou que unha das liñas de axudas convocadas polo departamento que dirixe son as destinadas ás empresas que contraten a persoas traballadoras tras un proceso de maternidade ou paternidade.
Poderán ser obxecto desta axudas as reincorporacións ao posto de traballo na empresa dos traballadores tras períodos de descanso por causa de maternidade, paternidade, adopción ou acollemento preadoptivo ou permanente de menores de 6 anos. Outro dos casos obxecto destas subvencións son as reincorporcións á actividade laboral dos traballadores autónomos, socios traballadores ou de traballo das sociedades cooperativas.

Coidado de familiares

O responsable en materia laboral da Xunta explicou que outra das liñas de subvención son as destinadas a financiar os contratos de interinidade que se realicen a desempregados inscritos como demandantes no Servizo Público de Emprego, para substituír a traballadores en excedencia por coidado de familiares. Un dos requisitos é que esta relación contractual sexa por un período superior aos catro meses e inferior aos tres anos.
Deste xeito, a Consellería de Traballo incentivará cunha axuda de ata 2.400 euros, que se reducirá proporcionalmente cando a súa duración sexa por un período inferior a un ano.

Por outra banda, as entidades que formalizaran un contrato de reincorporación ou de interinidade entre o 16 de setembro e a data de publicación desta orde (31 de marzo de 2008) poderán solicitar esta axuda ata o día 15 de maio deste ano.

Accións para a igualdade de oportunidades

Ricardo Varela explicou que é consciente de que a igualdade de oportunidades da muller pasa pola súa plena incorporación ao mundo laboral, considerou necesario establecer unha serie de medidas destinadas a mellorar o acceso das mulleres ao mundo laboral.

Para concluír, Varela afirmou que nesta estratexia de compromiso co emprego feminino enmárcanse as medidas activas deseñadas pola Consellería de Traballo, para evitar os efectos negativos sobre a contratación das mulleres, e tamén, co obxectivo de promover a corresponsabilidade do home e da muller nas tarefas que implican a paternidade, maternidade e coidado de familiares.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital