Home  
 
 
 
 
  Escombreiras a centos, aseguran, e as depuradoras que non evitan os verquidos ao Limia de augas sucias e cheirentas, son evidencias claras para os socialistas de que o medio ambiente e sostibilidade non van co alcalde de Xinzo de Limia, o popular Isáac Vila. Ademais, recorda o portavoz do Grupo Socialista neste Concello, Manuel Cabas, que Xinzo xa tivo que pagar multas por non facer as cousas como é debido, ainda que, segundo os socialistas, á Isáac Vila non parece importarlle moito cando paga co diñeiro dos cidadáns.
 
 
O Partido Socialista de Xinzo critica a "lamentable situación de abandono" na que se atopa o saneamento do rural
11 de ABRIL de 2008: OURENSE DIXITAL
   

O grupo municipal do PSOE no Concello de Xinzo de Limia, pregúntase  se a depuradora de Xinzo funciona as 24 horas do día, xa que son moitos os veciños e veciñas do municipio que observan a diario a saída de augas sucias e cheirentas ao río Limia. "É preciso garantir que os veciños e visitantes poidan desfrutar dun espazo limpo, sen malos olores, ás veiras do Limia", sinala o portavoz do Grupo Municipal Socialista en Xinzo, ao tempo que Manuel Cabas recorda que o Concello xa foi multado en repetidas ocasións polos vertidos incontrolados que se fan dende diferentes parroquias da vila. "Parece que ao señor Vila non lle importa gastar o diñeiro dos veciños e veciñas de Xinzo en pagar multas polos atentados cometidos contra o medio ambiente", sinala Manuel Cabas.

Os socialistas denuncian ademais a existencia de centos de escombreiras incontroladas espalladas por todo o Concello, "unha proba máis da falla de preocupación de Isaac Vila polo desenvolvemento medioambiental, económico e social de Xinzo", sinala o portavoz de PSOE.
Segundo Manuel Cabas, o Partido Socialista de Xinzo denunciou en repetidas ocasións o abandono do saneamento no rural e a existencia de numerosas escombreiras espalladas polo concello, sen obter ningún tipo de resposta por parte do equipo de Goberno local e, "o que aínda é máis grave, sen a mínima vontade de solucionar estes problemas", asegura o portavoz do PSdeG-PSOE de Xinzo.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital