Home  
 
 
 
 
  O tentente alcalde, Alexandre Sánchez Vidal, e o Bispo de Ourense, Luís Quinteiro, mantiveron na mañá deste xoves unha xuntanza na que abordaron diferentes temas relacionados co coidado do patrimonio, a posta en valor dos monumentos da Igrexa e o impulso do turismo relixioso de interior. A reunión, que se desenvolveu “nun ambiente moi agradable e cordial”, segundo Sánchez Vidal, serviu para establecer un compromiso de traballo conxunto e estable entre a Tenencia da Alcaldía e o Bispado de Ourense.
 
 
Tenencia de alcaldía e Bispado tantean actuacións comúns en materia, sobre todo, de Turismo Relixioso
11 de ABRIL de 2008: OURENSE DIXITAL
   

A intención de Sánchez Vidal e do bispo Luís Quinteiro é potenciar o turismo relixioso de interior, unha idea que, segundo recoñeceu o propio Sánchez Vidal, partiu do propio Prelado, e que o nacionalista recolleu con agrado. “Para nós é moi importante darlle un impulso a este tipo de visitas que moven a miles de persoas cada ano. O dato do que dispoñemos é que arredor dun 80% do turismo de interior ten vencellamentos relixiosos e monumentais”, sinalou Sánchez Vidal á conclusión da súa xuntanza.
Segundo o tenente alcalde, cómpre que Ourense sexa un complemento a Compostela, tal e como vén de impulsar a consellería de Industria mediante a posta en marcha do Congreso dos Camiños Xacobeos na nosa cidade. E nese contexto, para Sánchez Vidal a cidade de Ourense ten que ser un referente dentro da chamada ruta da Prata.

Os datos do bispado, que coinciden cos da Tenencia da Alcaldía, sinalan que ademais se produce cada ano un importante número de visitas organizadas polas distintas parroquias de Galicia, especialmente da área de Vigo. “Cómpre sinalar que ademais Ourense ten outro gran potencial, esquecéndonos de localismos, como é a peregrinación a San Rosendo, que nos anos nos que se organiza chega a mover a máis de 200.000 persoas. Ourense debe aproveitar as sinerxias dese tránsito de persoas, malia que o lugar central de celebracións é Celanova”, explica Alexandre Sánchez Vidal.
Por último, dentro da potenciación do turismo relixioso, a Tenencia da Alcaldía comprométese a promocionar no exterior a figura de San Martiño, de gran prestixio e coñecemento en Europa. Todos estes temas serán desenvolvidos dun xeito estable polos responsables de área do bispado e da Tenencia da Alcaldía.

Máis vixiancia na Catedral

Outro dos temas importantes a tratar entre Sánchez Vidal e Luís Quinteiro foi o do coidado do patrimonio. Para a Tenencia da Alcaldía é fundamental o coidado dos monumentos, especialmente da zona histórica. A catalogación dos mesmos e o seu coidado será incorporado ao PERI do casco vello.
 Dentro do coidado patrimonial, tanto o tenente alcalde como o bispo amosaron a súa preocupación polos actos de vandalismo que se desenvolveron nas últimas semanas nas zonas contiguas á Catedral. O tenente alcalde comprometeuse a incrementar a vixianza policial na zona adxacente. “O vandalismo sempre existiu e vai ser moi difícil erradicalo por completo pero hai certas cuestións que non podemos permitir como as pintadas na fachada dos monumentos ou que se orine na porta da Catedral”, sentenciou o tenente alcalde.

Sánchez Vidal reiteroulle ao bispo a vontade de seguir colaborando e mantendo conversas periódicas para abordar en común temas de cidade e dentro do ambiente de cordialidade expresoulle ao bispo o total respecto do BNG pola fe católica pero adiantoulle que os membros nacionalistas da corporación non asistirán a actos relixiosos en representación institucional.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital