Home  
 
 
 
 

José Luis Jiménez

 
  Asistencia sanitaria, calidade asistencial, accesibilidade, promoción e prevención, profesionais e gasto. Estas son as seis áreas de actuación nas que os responsables do Complexo Hospitalario de Ourense fixan os obxectivos deste 2008. Entre outros obxectivos asistenciais, o CHOU márcase como reto acadar un tempo medio de 49 días para intervencións cirúrxicas. O Plan deste ano concede especial atención á coordinación e colaboración con Atención Primaria tanto en consultas como en elaboración de protocolos de actuación comúns, derivacións ou seguimento de pacientes.
 
 
O CHOU márcase como obxectivo para este ano que o tempo medio de espera para unha intervención cirúrxica sexa de 49 días
10 de ABRIL de 2008: OURENSE DIXITAL
   

O equipo directivo do Complexo Hospitalario de Ourense presentou este mércores aos responsables dos distintos servizos do centro, o Plan de Obxectivos Estratéxicos para 2008, que o xerente xeral, José Luis Jiménez, ven de asinar coa Consellería de Sanidade e que determina as claves da xestión e actividade previstas, fixando obxectivos concretos en cada área de traballo.
O esquema divídese en seis liñas de actuación: Asistencia sanitaria, calidade asistencial, accesibilidade, promoción e prevención, profesionais e gasto.

Neste primeiro apartado, o CHOU comparte con primaria o obxectivo de elaborar a lo menos dous protocolos ou procesos asistenciais conxuntos, o aumento das consultas de alta resolución (ou de acto único con diagnóstico e tratamento no mesmo día), o incremento de intervencións de cirurxía maior ambulatoria e a diminución da estanza media, reducindo estanzas innecesarias no hospital e aumentando a dispoñibilidade de camas.

En materia de calidade asistencial, incide na adecuación do uso das prestacións sanitarias, a seguridade na práctica sanitaria, a efectividade clínica e o desenvolvemento de sistemas de información de soporte, que permitan evidenciar as melloras acadadas. En concreto o CHOU ten por obxectivo neste eido diminuir a porcentaxe de urxencias ingresadas fomentando a resolución deste servizo. 

Polo que respecta a accesibilidade, o Servizo Galego de Saúde ten por obxectivo  alcanzar uns tempos de espera equilibrados e priorizados de acordo á relevancia do problema de saúde, de xeito que o tempo máximo de espera para unha intervención cirúrxica sexa de 180 días. Neste punto, e de acordo coa progresión de mellora e actuais tempos de atención este obxectivo redúcese no CHOU a 49 días, mantendo en cero o número de pacientes con tempo de espera superior a 180 días.

Dentro do capítulo de Persoal, tanto o Servizo Galego de Saúde como o complexo de Ourense promoverán o desenvolvemento profesional, a súa participación na xestión e a implicación co traballo de todas e todos os profesionais do Servizo Galego de Saúde, aumentando as porcentaxes de participación tanto no redeseño de procesos asistenciais como na avaliación do cumprimento destes obxectivos.

Por último, a liña de actuación dedicada ao gasto aposta por acadar o equilibrio orzamentario e mellorar a eficiencia das prestacións asistenciais. Así, promoverase o incremento da recadación económica polos centros, especialmente na facturación externa a terceiros, como compañías de seguros e mutualidades, dos gastos asumidos na atención de accidentes laborais, de tráfico, etc.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital