Home  
 
 
 
 
“Vinis Terrae é un punto de partida na promoción e na diversificación da produción do viño de calidade galego", sinalou na clausura do Salón profesional dos viños e licores de Galicia o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal. Os organizadores calculan que uns 600 destes profesionais  de distintos países de Europa pasaron por este Salón que se pechou a última hora da mañá deste martes, o que xa os leva a pensar nunha segunda edición do certame.
 
 
 
Suárez Canal sinala que "Vinis Terrae" é "un punto de partida" na promoción do viño de calidade galego
9 de ABRIL de 2008: OURENSE DIXITAL

"Agora que os nosos viños son recoñecidos internacionalmente, somos capaces de atraer ó noso territorio a importadores que poderán coñecer ó mesmo tempo a nosa estrutura produtiva e a nosa cultura vitícola baseadas na calidade, na tradición e na conservación de castes vencelladas ó territorio". Con estas palabras clausuraba este martes o Conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, a primeira edición de VINIS TERRAE, Salón profesional dos viños e licores de Galicia, un acto no que estivo acompañado polo delegado provincial de Medio Rural, Xosé Rodríguez Cid, e pola concelleira de Comercio de Ourense, Ana Garza, entre outros.

Suárez Canal destacou a evolución positiva das producións vitícolas galegas de calidade que acadou en 2007 un valor superior ós 142 millóns de euros. "Este incremento débese á aposta decidida e ó esforzo da Consellería de Medio Rural que puxo en marcha plans específicos de promoción e internacionalización das denominacións de orixe galegas para intentar que acaden cotas de mercado cada vez máis significativas. Uns plan de promoción para os que investirá 11 millóns de euros ó longo deste 2008", sinalou.

"As enquisas realizadas pola organización revelan o alto nivel de satisfacción acadado tanto polos importadores pola calidade do produto que se lles ofrecía, como polos adegueiros que destacaron a profesionalidade dos visitantes e a importancia e valor dos contactos realizados dos que agardan obter resultados a medio prazo", sinalan os propios organizadores, que engaden ao respecto que a satisfacción acadada polos participacentes e a implicación da Consellería de Medio Rural na promoción do viño e licores de calidade. "levan a pensar xa nunha segunda edición de VINIS TERRAE".

Volver atras
Imprimir Página
 
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital