Home  
 
 
 
 

María José Rubio Vidal

 
  Galicia dispón de sete unidades de Coidados Paliativos nos sete grandes hospitais, e tres equipos de soporte en tres hospitais comarcais. No vindeiro semestre, crearanse catro equipos máis nos catro centros comarcais restantes, segundo puxo de manifesto a conselleira Rubio Vidal na IV Reunión da Sociedade Galega de Coidados Paliativos. Entre estes hospitais está o de Verín.
 
 
O Hospital de Verín disporá no vindeiro semestre de equipo de coidados paliativos
5 de ABRIL de 2008: OURENSE DIXITAL
   

Galicia disporá no vindeiro semestre de dispositivos específicos de Coidados Paliativos nos 14 hospitais da rede pública, segundo ven de anuncia a conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal. Na actualidade, no marco do Plan Galego de Coidados Paliativos, existen sete Unidades de Coidados Paliativos nos sete grandes hospitais, e tres equipos de Soporte de Coidados Paliativos nos Hospitais da Costa en Burela, de Monforte e do Barco de Valdeorras. No vindeiro semestre, crearanse os equipos nos catro centros comarcais restantes, o de Verín, o de Barbanza, o de Virxe da Xunqueira en Cee, e o do Salnés.

Ademais, o Servizo Galego de Saúde creou un grupo de traballo que elaborou o Plan Galego de Coidados Paliativos como marco para o desenvolvemento axeitado e equitativo destes coidados en Galicia. O documento foi presentado en abril de 2006, e recolle as principais liñas de actuación da Estratexia de Coidados Paliativos do Sistema Nacional de Saúde.
A conselleira de Sanidade indicou que os coidados paliativos teñen como obxectivo fundamental aliviar o sufrimento e mellorar na medida do posible a calidade de vida de persoas anciás, pacientes con enfermidades crónico dexenerativas e cancro, enfermos todos eles que chegarán á etapa terminal da súa vida cun intenso sufrimento. "Os coidados paliativos son tratamentos activos e complementarios do tratamento específico da enfermidade de base, e débense integrar xunto con todos os aspectos do sufrimento, cunha aproximación holística, de forma que proporcionemos unha atención centrada no ser humano considerado como un todo", afirmou a conselleira de Sanidade.

A conselleira sinalou que, ademais da extensión dos dispositivos especializados, no ano 2007 máis de 500 profesionais desenvolveron accións formativas; constituíronse seis comisións técnicas con profesionais de Atención Primaria e Especializada; e nomeáronse 40 profesionais de Atención Primaria como referentes de coidados paliativos nos seus centros de saúde.
"Esto compleméntase coas unidades de hospitalización a domicilio, implantadas en todos os hospitais, que traballan de xeito decisivo no apoio a complexidade na atención nos domicilios, como apoio aos dispositivos convencionais", sinalou Rubio Vidal.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital