Home  
 
 
 
 
Na mañá deste xoves foi presentado "Vinis Terrae", o que será o primeiro salón exclusivamente profesional e especializado no viño e nos licores galegos de calidade e celebrarase no recinto feiral de Expourense entre os días 7 e 8 de abril. Máis de 80 adegas dos seis consellos reguladores galegos participan nesta cita.
 
 
 
Ourense acolle os días 7 e 8 "Vinis Terrae", primeiro Salón Profesional dos Viños e Licores de calidade de Galicia
4 de ABRIL de 2008: OURENSE DIXITAL

O obxectivo principal deste salón, segundo se puxo de manifesto no acto de presentación celebrado en Expourense a mañá deste xoves, "será converterse nun centro de negocios que facilitará o contacto directo entre as máis de 80 adegas das seis denominacións de orixe galegas presentes no salón" (Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras, Monterrei, Rías Baixas e Licores e Augardentes Tradicionais de Galicia). A través de citas pactadas, as adegas expositores reuniranse con compradores nacionais e importadores procedentes de 16 países potencialmente interesados nos viños e licores galegos.

Así, trasladaranse ata Ourense importadores seleccionados de mercados internacionais que teñen demostrado interese polo viño galego. Este é o caso de Alemaña, Austria, Brasil, Dinamarca, Estados Unidos de América, Finlandia, Irlanda, Noruega, Países Baixos, Polonia, Reino Unido, República Checa, Rusia e Suecia. A esta listes de países hai que engadir España.
Pola súa parte, a Cámara de Comercio e industria de Ourense ten organizada unha misión comercial inversa que contempla a visita de 9 importadores procedentes de Xapón.
Tamén están convidados a participar neste salón os compradores nacionais procedentes tanto do sector da distribución como da hostalería. Ata o momento, está confirmada a visita dun cento de compradores nacionais que se entrevistarán coas adegas expositoras no salón.

O programa de actividades de "Vinis Terrae" contempla presentacións e catas dos viños presentes no salón para que os visitantes profesionais poidan coñecer in situ e na práctica a calidade dos viños e licores galegos, ademais dunha cata de licores e augardentes tradicionales de Galicia.

Volver atras
Imprimir Página
 
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital