"Este Plan Director supón o cumprimento do compromiso adquirido cos empresarios o pasado mes de xullo nunha reunión na que me transmitiron as deficiencias das infraestructuras, tanto do polígono da Uceira como do actual parque empresarial do Carballiño, así como a necesidade de crear unha imaxe unitaria e coherente de toda a área empresarial", salientou Teresa Taboas este mércores no Carballiño, onde explicou as actuacións previstas pola sua Consellería.
Estas actuacións levaranse a cabo a través do Plan Director da Área Empresarial do Carballiño, que integra o actual Polígono Industrial da Uceira e o Parque Empresarial do Carballiño na 1ª e 2ª fase. A conselleira de Vivenda e Solo inaugurou hoxe, ademais, a 2ª fase do Parque Empresarial que amplía en 87.860 m2 a oferta de solo produtivo na Comarca cun investimento total de 2,6 millóns de euros por parte do Departamento autonómico
O Plan Director da Área Empresarial do Carballiño recolle as propostas da Consellería de Vivenda e Solo para subsanar as deficiencias existentes e homoxeneizar a imaxe dos tres parques empresariais. "Para levar a cabo estas actuacións, a Consellería xa ten reservada con cargo aos orzamentos de 2008 unha partida de 1 millón de euros, e 800.000 euros serán con cargo aos orzamentos de 2009", anunciou a conselleira nacionalista.
Ademais das obras de mellora en beirarrúas, calzadas, glorietas e a creación dunha zona verde, as actuacións contempladas no Plan Director complétanse cunha nova imaxe de sinalización en todo o ámbito que configura o que denominamos Área Empresarial de Carballiño. "Esta imaxe unitaria reflectirase tamén nas beirarrúas, pavimentos, mobiliario urbano, sinalización viaria vertical e horizontal, que se executará en base a un mesmo criterio construtivo e de deseño", subliñou Táboas.
Inauguración da 2ª fase
A conselleira de Vivenda e Solo tamén inaugurou a 2ª fase do Parque Empresarial do Carballiño, que amplía en 87.860 m2 a oferta de solo empresarial na Comarca cun investimento total de 2,6 millóns de euros por parte da Consellería. Desa superficie total destínanse 53.009 m2 a uso industrial e comercial distribuídos en 14 parcelas, cunha superficie que oscila entre os 880 e os 22.500 m2.
Táboas recordou que entre o 25 de xaneiro e o 29 de febreiro de 2008 a Consellería de Vivenda e Solo abriu o concurso público para a compravenda de parcelas na 2ª fase do Parque Empresarial do Carballiño. A través deste concurso público solicitaron solo un total de 6 empresas para a adquisición de 7.822 m2, o que representa un 18% sobre a totalidade do solo ofertado, quedando dispoñibles un total de 37.578 metros cadrados. “Nese sentido, contamos cunha oferta de solo dispoñible e calquera empresa interesada en adquirir parcelas nesta 2ª fase pode dirixirse en calquera momento a Xestur Ourense, sociedade pública adscrita á Consellería de Vivenda e Solo”, explicou Táboas. |
|