Home  
 
 
 
 
  De entrada, Ourense convértese na primeira e ata o de agora única cidade de Galicia que entra no programa "Cidades Saudables" . En adiante, co proxecto presentado polo Concello á Consellería de Sanidade, anunciase que se desenvolverán numerosas iniciaitivas para combatir o sedentarismo, fomentar a dieta atlántica e animar ao abandono do tabaco. O estudo previo do proxecto detectou que o aporte de graxas da dieta dos ourensáns sobrepasa nun 14,6% os límites recomendados.
 
 
 
Ourense convértese na única cidade galega que entra no programa “Cidades Saudables” da Xunta de Galicia
2 de ABRIL de 2008: OURENSE DIXITAL
O alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, e a concelleira de Benestar Social e Sanidade, Marga Martín, acudiron este martes a Santiago para participar oficialmente na inclusión da cidade no programa “Cidades Saudables” da Consellería de

Sanidade da Xunta de Galicia. Deste xeito, Ourense convértese na primeira e, polo de agora, a única das sete urbes galegas cuxo proxecto foi admitido, xunto cos de outros 40 pequenos municipios de toda a Comunidade.
O programa suporá o dexenvolvemento en Ourense de numerosas iniciativas para fomentar a saúde en colexios, institutos,  cociñas e comedores públicos e mesmo na rúa, en eventos con concentración de público –medicións e analíticas-  para fomentar un triple eixo: combater o sedentarismo, fomentar a dieta Atlántica e animar ó abandono do tabaco

No acto, a conselleira de Sanidade, María José Rubio, agradeceu a grande concorrencia de proxectos ó programa de Cidades Saudables e destacou a calidade dos traballos, “que participaron nunha difícil competencia nesta proposta piloto de participación municipal”, e loubou a calidade dos que finalmente saíron escollidos, que benefician a 380.000 galegos, dos que case 109.000 corresponden á cidade de Ourense.

Investigación previa

Segundo explicou a conselleira de Sanidade, o programa “Cidades Saudables” nace para loitar contra unha evidencia médica detectada na sociedade occidental: “A xente hoxe enferma sobre todo polos seus hábitos de vida, pola súa dieta e polo tabaquismo”.  Neste sentido, o  proxecto presentado pola Concellería de Sanidade do Concello de Ourense parte dunha investigación previa que amosa como na maioría dos comedores públicos de Ourense  o aporte de lípidos (graxas) está sobrepasado nun 14,6%, ó acadar un valor medio do 44,6%, fronte o adecuado 30%.
Asimesmo, o estudo previo do proxecto ourensán –único admitido das sete cidades- atopouse con que na maioría dos comedores o aporte enerxético das merendas e das ceas está sobrepasado nun 18% en invernon e  nun 20% en verán, mentres que o aporte das comidas e dos almorzos non chega ós valores adecuados.

Estudo antropométrico escolar

Para loitar contra todos estes malos hábitos de alimentación, así como contra o sedentarismo e o tabaquismo, o programa “Ourense saudable” prevé realizar un amplo estudo antropométrico entre os escolares ourensáns, para ter unha ferramenta científica de cómo inflúe neles a dieta. Ademáis, crearase un servicio de asesoría sobre dietas para comedores,  elaborarase unha guía da dieta saudable e se creará a distinción “Comedor saudable promotor da dieta atlántica”. 
Tamén se incluirá un apartado de promoción de dieta atlántica nos comedores escolares, que virá  complementarse coas accións formativas da Concellería de Educación coñecidas como “almorzos saudables” que teñen continuidade intertrimestral.

Ademáis, convocarase un concurso ourensán de receitas culinarias saudables e un recetario; seminarios de planificación da dieta; selección de alimentos e compra responsable; Obradoiros de cociña para adultos; se celebrarán actividades especiales nos días mundiais da Diabetes e da Osteoporose, así como no Día Mundial do Consumidor.

Saúde Materno Infantil e actividades contra o sendentarismo

O programa “Ourense Saudable” tamén ten un apartado para a promoción da saúde materno infantil, con múltiples apartados divulgativos e formativos sobre a saúde dos bebés. No referente a loita contra o sedentarismo, haberá máis dunha trintena de actividades específicas para promover o exercicio diario moderado e continuo, fundamentalmente promovendo os circuitos biosaudables e outras actividades físicas.
O programa “Ourense Saudable” do Concello de Ourense e a Consellería de Sanidade supón a aportación de 40.000 euros da Xunta para a contratación dun licenciado en Técnica Deportiva e un técnico en Alimentación, que complementarán ó persoal municipal no desenvolvemento deste ambicioso programa.

Tras recibir o galardón, o alcalde de Ourense agradeceu a aposta da Consellería de Sanidade polo proxecto da cidade, e loubou o traballo realizado pola Concellería que preside Marga Martín, en aras “duns Ourensáns máis sans, con mellor calidade vida para todos os nosos veciños e, por tanto, cunha sociedade mellor e máis solidaria”.

REDACCIÓN de Ourense Dixital
Volver atras
Imprimir Página  
 
REDACCIÓN de Ourense Dixital
       
REDACCIÓN de Ourense Dixital