Na actualidade, hai algunhas zonas da parroquia de Palmés nas que a auga potables e o saneamento están introducidos, pero tamén hai outras nas que non existe, tendo que recorrer os veciños ó abastecemento domiciliario mediante pozos, fontes ou mananciais, sinala o Concello de Ourense ao explicar a necesidade de acometer esta realización.
No relativo ó saneamento, ocorre algo semellante, sendo común aínda o uso de pozos negros ou fosas sépticas. O obxecto do proxecto aprobado hoxe pola Xunta de Goberno é a dotación de servizos de abastecemento e saneamento a distintos lugares da parroquia de Palmés, que na actualidade carecen deles, así como a clausura dos pozos negros e fosas sépticas.
Outros acordos
Na mesma sesión, a xunta local aprobou o expediente para contratar, mediante procedemento negociado, a asistencia técnica para a execución dun plan de captación de inversións hoteleiras no Concello de Ourense, cun orzamento de 29.500 euros.
Tamén se aprobou o proxecto básico e de execución para o acondicionamento do acceso e do aparcamento das Termas do Muiño, por un importe de 29.974,52 euros, con cargo á partida do Plan de Dinamización do Producto Turístico. As obras serán realizadas pola empresa Nube Verde.
Tamén dentro do Plan de Dinamización, a xunta local adxudicou a subministración e instalación de 25 sinais de información hoteleira e 7 indicativas de Expourense en diferentes rúas da cidade, á empresa Signature Señalización S.L., por un importe de 30.782,76 euros.
A Xunta Local aprobou tamén o proxecto básico e de execución dun Centro de Novas Tecnoloxías, na rúa Cervantes, número 27, por un importe de 441.728 euros. |