Home  
 
 
 
 
 

Ao impacto paisaxístico que produce o emprego de pedra gris Porriño, ADEGA engade o feito de que a administración autonómica non dé precisamente exemplo. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia ven de denunciar o impacto que produce Política Territorial nun espacio catalogado como Lugar de Importancia Comunitaria, os Canóns do Sil.

 
 

ADEGA denuncia que Política Territorial da Xunta non predica co exemplo

 
7 de XANEIRO de 2008: OURENSE DIXITAL

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA, ven de presentar unha denuncia por "impacto paisaxístico" nas obras de acondicionamento e reforma que se levan a cabo na estrada OU-903 de Castro Caldelas a Monforte que está a efectuar a Consellería de Política Territorial da Xunta de Galicia. O impacto que denuncia ADEGA se produce polos enormes muros de pedra que están a ser levantados para consolidar os noiros da marxe dereita da estrada en sentido Monforte de Lemos.
"Debemos ter en conta que as obras efectuanse dentro do espazo natural do Canón do Sil -sinala ADEGA-, unha zona catalogada como Lugar de Importancia Comunitaria". Engade a Asociación Ecoloxista que "a vexetación predominante é de tipo mediterráneo, e existen algúns bosquetes de sobreira e a presenza esporádica de aciñeiras", ao tempo que salienta "a existencia, nas abas do norte, de fragas de castiñeiros de certa entidade".

ADEGA solicita que se corrixa o impacto visual "empregando, por exemplo, outro tipo de pedra, máis acorde co lugar, de tipo lousa típica da Ribeira Sacra fronte o enorme muro de granito gris Porriño de 3 metros de algo por máis de 100 de lonxitude".
ADEGA sinala que, por contra, "cando un particular emprende a recuperación dos viñedos e socalcos da Ribeira Sacra, non se lle permite empregar calquera tipo de pedra, esixíndoselle que usen a propia do lugar para teren dereito a percibir as subvencións".
Polo que a Asociación Ecoloxista reclama "coherencia da Consellería de Política Territorial", xa que, segundo ADEGA, "está, por unha banda promocionando campañas de sensibilización paisaxística e de ordenación racional do territorio, mentras, por outra, está causando impactos nas obras que executa sen o debido celo, coidado e protección da paisaxe".

Volver atras
Imprimir Página
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital