Home  
 
 
 
 
 

Os túneles da vía Zamora-Ourense aparecen reflexados no traballo dos doutores en Historia Magarita Barral e Antonio Míguez, O Mundo do traballo en Galicia, que acaba de ver a luz. Segundo os historiadores, cando o golpe de estado triunfou en Galicia e o movemento obreiro foi practicamente aniquilado, "nos campos de concentración de Lavacolla, en San Simón ou nos túneles de Zamora-Ourense moitos pagaron coa súa vida a súa militancia".

 
 
O mundo do traballo en Galicia reflicte cómo nos túneles da vía Zamora-Ourense moitos pagaron coa vida a súa militancia política  
7 de XANEIRO de 2008: OURENSE DIXITAL

Os doutores en Historia Margarita Barral e Antonio Míguez son os autores de O mundo do traballo en Galicia, dirixido, segundo explica o propio Villares na presentación, “ao público interesado na cuestión social e obreira da Galicia contemporánea, máis que a un público especializado e académico”. Non obstante, precisa, “trátase dunha obra de alta divulgación, que tenta trasladar á sociedade algúns dos resultados da investigación desenvolvida nos últimos decenios sobre esta materia”.
Son máis de 150 as páxinas que compoñen esta publicación, de amplo formato e a toda cor, que inclúe máis de 170 imaxes que resultarán sumamente atractivas e chamativas para o lector: fotografías de escenas de traballo de comezos do século XX; reproducións de publicacións que datan mesmo de finais do século XIX; gravados correspondentes a situacións de traballo tamén anteriores ao século XX; reproducións de manifestos obreiros, carteis de irmandades ou de primeiras planas de xornais da época...

A obra está composta por catro partes, precedidas dunha introdución baixo o título Trazos do obreirismo galaico, a cargo do coordinador do proxecto. A continuación, o lector fará un ilustrador percorrido pola historia do traballo en Galicia, a través dos capítulos O nacemento do movemento obreiro, A grande mudanza (Obreirismo no primeiro terzo do século XX), O período franquista (Dos anos do chumbo ao novo sindicalismo) e O período democrático.

Primeiros pasos do obreirismo galego

Así pois, O mundo do traballo en Galicia remóntase nas súas páxinas á segunda metade do século XIX, cando o movemento obreiro galego comeza a coller forma, grazas á mobilización política e ideolóxica dos republicanos e dos obreiros socialistas. Os historiadores establecen as orixes do movemento obreiro en torno ao ano 1870, grazas ao clima de liberdade suscitado pola Revolución de 1868, tamén chamada A Gloriosa, que deu paso ao denominado Sexenio Democrático.
Naquela época, algúns membros da clase obreira coruñesa e ferrolá afílianse á Federación Regional Española da AIT (Asociación Internacional de Traballadores, máis coñecida coma Primeira Internacional, fundada en 1864).

Estes antecedentes son os que fan posible a primeira folga xeral que tivo lugar en Galicia, desenvolvida no ano 1872 polos carpinteiros coruñeses, á que se suman traballadores doutros oficios, como ferreiros e obreiros. Comezan a aparecer, a partir de aquí, as asociacións mutualistas, que mediante unha cota teñen un fondo de reserva para socorrer aos seus membros ante unha desgraza fortuíta.

Este brote de movemento obreiro foi breve, porque en 1874 o goberno conservador de Cánovas abre a Restauración, e suspende os dereitos políticos. Aínda así, na década dos 80 rexorde o movemento obreiro na Coruña, Vigo e Lugo. De todos os xeitos, estamos aínda a falar de gremios, para pasar pouco a pouco ás sociedades de oficios: canteiros, carpinteiros, pintores, albaneis, etc.

Unha das primeiras fórmulas de acción colectiva contenciosa consistía en poñer en marcha “obradoiros colectivos”, dirixidos polas propias sociedades obreiras, onde se colocaban os folguistas, para facer competencia ao patrón (como foi o caso da folga de Betanzos de 1905, dos fabricantes de calzado). A madurez do movemento obreiro deu lugar á aparición de locais societarios propios, exemplo do cal son as “Casas del Pueblo”. As dúas primeiras en Galicia foron as de Vigo (1911) e a de Betanzos (1919). De forma paralela, a finais do XIX e principios do século XX xorde o asociacionismo patronal.

Madurez do movemento

A madurez do movemento obreiro podemos situala no tempo da Grande Guerra (I Guerra Mundial) cando a evolución organizativa e implantación dos grandes sindicatos, CNT e UGT, permite convocar folgas e accións reivindicativas en todo o Estado. Os anos da ditadura de Primo de Rivera foron confusos, e os representantes obreiristas optaron por seguir o seu labor participando nos órganos laborais da ditadura, nunha situación de semiclandestinidade, ata que propiciaron a II República.

Desta maneira, o movemento, xa maduro antes, pasa de ser unha Sociedade de Oficios a un Sindicato e proba a influír na política a través de tribunas de opinión na prensa, como era Solidaridad. É tamén coa II República cando se avanza no movemento obreiro no campo, e as agrupacións socialistas agrarias esténdense por todo o agro galego. A influencia dos sindicatos nas eleccións foi evidente nesta época: aparecen os primeiros alcaldes socialistas, como Xaime Quintanilla en Ferrol ou Manuel García en Pontevedra.

Entre 1933 a 1935 desencadéase unha época de dura conflitividade política e dura represión, que converxe na xestación do grande pacto Fronte Popular. Só o apoio incondicional do movemento obreiro a este pacto permitiu que Galicia fose parte da axustada vitoria.

Posteriormente, o golpe de estado triunfou en Galicia e o movemento obreiro foi practicamente destruído. Nos campos de concentración de Lavacolla, en San Simón ou nos túneles de Zamora-Ourense moitos pagaron coa súa vida a súa militancia. Durante a guerra e a primeira metade da ditadura franquista, o sindicalismo de clase foi substituído polo chamado Nacional-Sindicalismo.

Dende 1938 articúlase un novo armazón legal: o Fuero del Trabajo, ao tempo que se ilegalizan por decreto as asociacións sindicais e políticas democráticas. O país convértese nunha gran concentración de produtores, nova denominación dos traballadores. Á fronte dos Sindicatos Verticais atópanse os falanxistas, que teñen como xefe directo a Franco.

A partir, sobre todo, da aprobación en 1958 da Lei de Convenios Colectivos e a través do chamado “entrismo” no Sindicato Vertical empezan a aparecer as primeiras comisións de obreiros para formular reivindicacións laborais, ligadas ao PC.

Primeiros conflitos laborais en Galicia

Durante os primeiros anos da década dos 60 créanse as primeiras cédulas comunistas nas fábricas de Ferrol, Vigo e A Coruña. No 61 Bazán protagoniza en Ferrol os primeiros conflitos laborais, ata entón localizados en Asturias, fundamentalmente.
En Vigo aparece Comisións Obreiras en Barreras e Vulcano; e xorden figuras como Rei Elixio, Ponteareas, Rouco... Na Coruña será en empresas como a pesqueira Pebsa ou a de metal Genosa onde homes como Nicasio Mouzón ou mulleres como Pilar Valiño abran o camiño. As eleccións de enlaces sindicais do 1963 supoñen un incremento de comunistas en Bazán, Varreras e Vulcano, e algúns como Paco Filgueira, Xulio Aneiros ou Paco Balón entran nos xurados de empresa.
A innovadora forma de organización das CCOO estabilízase en Vigo e Ferrol e dá os primeiros pasos na Coruña no 66, ano en que acadan uns excelentes resultados, que lles permiten a saída á luz e pasan a ser legalizadas, polo que se estruturan de xeito estable. As CCOO orientan á súa estratexia cara á negociación de convenios. No 67 aparece USO, sindicato de tendencia socialista con forte pegada cristiá.

As folgas obreiras do 72 marcan de xeito definitivo o perfil do movemento obreiro do fin do franquismo; os sucesos do 10 de marzo, nos que morreron Amador e Daniel, marcan o nacemento do Día da Clase Obreira Galega. Malia todo, esas folgas do 72 supuxeron a creba definitiva do sindicalismo vertical.
No ano 1978 os traballadores foron chamados por vez primeira a votar en liberdade, convertendo ás CCOO e a UGT nas forzas máis votadas. A nova lexislación laboral, regulando as eleccións sindicais, levou á hexemonía no Estado destas dúas forzas.

No caso de Galicia, produciuse ademais un crecemento do sindicalismo nacionalista a través da hoxe Central Intersindical Galega (que constitúe a unificación da ING e CXTG, que culminou co primeiro congreso da organización en abril de 1990).
Nos últimos 30 anos a evolución seguida polo sindicalismo en Galicia vén marcada pola perda paulatina do papel das organizacións obreiras como meras cadeas de transmisión dos partidos políticos afíns e a unidade de acción de UGT e CCOO
.

Volver atras
Imprimir Página
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital