Home
 
 
 
 

Francisco Rodríguez

 
  A convivencia cos colegas, pero tamén cos veciños; que as cousas e os sitios queden como se atopaban; e o coidado da saúde como o ben máis preciado da mocidade, condensan o espírito da mensaxe que o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, dirixe o seu primeiro Bando aos mozos e mozas da cidade.
O alcalde de Ourense asume a necesidade do pronunciamento público a raíz do "botellón", nun tono conciliador e apelando sempre a responsabilidade e a solidaridade da mocidade ourensán.
 
 
O alcalde de Ourense estréase cos bandos con un dirixo a mocidade a propósito do botellón  
3 de NOVEMBRO de 2007: OURENSE DIXITAL

Sen reprobar nada, nin o feito nin os métodos, e asumindo que o do "botellón" é un fenómeno social que nos toca vivir a todos, ainda que de xeitos ben distintos, o alcalde de Ourense enceta a fórmula dos bandos con un, o primeiro do seu mandato, dirixido aos mozos e mozas da cidade.
Vertebrado en tres aspectos, Francisco Rodríguez apela o fomento da convivencia, o entorno e á propia saúde da mocidade, para lograr que o "botellón" sexa unha práctica o menos traumática para os ourensáns e para a cidade, para quenes en principios os disfrutan e quenes tamén os padecen.

O primeiro Bando do Alcalde Rodriguez dí, textualmente:

Ante o intenso debate social suscitado tanto na nosa cidade coma no resto do Estado polo fenómeno denominado "botellón", no que parte da mocidade concorre voluntariamente ós espazos públicos para aproveitar o seu lecer mediante reunións que con frecuencia levan aparellado o consumo de alcohol, o alcalde de Ourense lémbralle á mocidade ourensá tres recomendacións cívicas:

•  Fomenta a convivencia: O dereito ó aproveitamento do lecer e do tempo libre é igual para tódolos veciños de Ourense e, polo tanto debemos esforzarnos en conciliar a nosa diversión co dereito dos outros a descansar. Evitemos o volume extemporáneo de ruído a deshora, especialmente nas prazas e rúas con veciñanza. Convive cos teus colegas, pero tamén cos teus veciños.

•  Protexe o teu contorno: A conciencia ambiental e os valores de protección do noso medio, tan propios da mocidade ourensá, non deben ser esquecidos de noite. Evita tirar lixo á rúa, ensuciar as paredes ou deixar entullos nos parques. Nas túas reunións, recicla tamén. Separa o vidro do resto de materiais e deposítao nos colectores adecuados. Ó rematar a diversión, asegúrate de que os espazos públicos queden limpos.

•  Cóidate: A saúde é o ben máis valioso da mocidade ourensá e a súa perda ou deterioro polo consumo de alcohol ou polos accidentes de tráfico asociados ó seu consumo son a principal lacra que se debe desterrar de entre nós. Lembra que a inxesta continuada de alcohol deriva nunha das adiccións máis fortes, o alcoholismo. Despois de beber, endexamais te poñas ó volante. Se observas algún amigo con risco de alcoholismo ou drogodependencia, pídelle que se dirixa ó departamento de Sanidade do Concello, onde recibirá axuda. Non esquezas que o consumo de alcohol é especialmente nocivo para os menores.

Polo ben de todos, pensa en ti e pensa nos demais.

Asinado: Francisco Rodríguez Fernández
Alcalde de Ourense

Ourense, a 2 de novembro de 2007

Volver atras
Imprimir Página
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital