Unións Agrarias pechou na mañá deste martes co conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, o compromiso da Xunta de non declarar a Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) da Limia en tanto non se garanta a continuidade da actividade e dos usos agrarios sobre o territorio, segundo informa o sindicato agrario. De cara a lograr ese obxectivo, "o sindicato advertiu á Administración da necesidade de revisar ambigüidades e erros de distintas normativas ambientais e de ordenación do territorio, de xeito que a creación da ZEPA permita compatibilizar a protección do medioambiente cos usos agrogandeiros".
Unións Agrarias , que se reuniu co titular de Medio Ambiente para trasladarlle as alegacións de Unións á ZEPA, logrou que a Consellería se comprometa a agardar o tempo preciso para publicar o decreto que establecerá a Zona Especial, de xeito que antes da súa creación estea garantido o encaixe legal da continuidade das actividades tradicionais.
Segundo informa a propia organización sindical, Unións Agrarias lembroulle ó conselleiro "a necesidade de que a ZEPA non implique limitacións para a expansión de regadios ou para a construcción de granxas", de xeito que o colectivo de profesionais do agro, que vive do territorio, poida manter a actividade e os usos agrarios sen limitacións significativas, xa que se entende que son compatibles coa protección das aves.
De cara a garantir a compatibilidade da ZEPA tanto coas esixencias comunitarias (sentencia do Tribunal de Xustiza da UE) como co mantemento da actividade agrogandeira tradicional, Unións Agrarias trasladoulle ó conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, a necesidade de modificacións nas normativas ambientais e de ordenación do territorio, de xeito que se corrixan indefinicións e fallos conceptuais que puideran poñer en cuestión nun futuro determinados usos ou prácticas agrarias nos espazos protexidos, especialmente nos da Rede Natura 2000.
Na reunión da mañá deste martes, día 16 de outubro, co conselleiro de Medio Ambiente, participaron o secretario de Acción Sindical de UU.AA., José Ramón González, e o secretario de Desenvolvemento Rural, Jacobo Feijoo.
Unións Agrarias conclúe ao respecto manifestando que "agarda chegar a un consenso para evitar problemas para os/as profesionais do agro na Limia, e desmárcase da politización do asunto da ZEPA que estivo a promover o alcalde de Xinzo".
|