Amigos da Terra esgrime unha serie de razóns nas denuncias presentadas ante a Consellería do Medio Rural, o Xefe de Servizo de Defensa Contra os Incendios Forestais da delegación provincial do Medio Rural de Ourense e ao concello de Toén, que se basean en reiterar a "inxustificada acción que se está levando a cabo nestes días por unha empresa privada contratada pola Consellería do Medio Rural".
Esas razóns apunta á inutilidade do asfaltado da pista, "por canto a mesma só é empregada na tempada de máximo risco de incendios polos operarios competentes, e o bo estado de conservación que presenta a mesma, con materiais de características xeotécnicas axeitadas, conclúen finalmente a ausencia de necesidade de dita obra".
Ademais, segundo Amigos da Terra, o asfaltado suporá o incremento considerable da afluencia de vehículos a motor ao ecosistema forestal que acolle o Monte dos Castros, provocando máis ruídos, máis polución e máis perigo de atropelo para a fauna.
A Consellería do Medio Rural, pola súa parte, "incorre nunha incongruencia coa recentemente aprobada Lei 3/2007, do 9 de abril, de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais que prohíbe a circulación ou permanencia en zonas forestais".
Amigos da Terra lembra que en Galicia, a ampla maioría dos incendios forestais prodúcense a carón de estradas e camiños asfaltados, polo que este asfaltado de 2300 metros pode afectar moi negativamente á conservación do ecosistema forestal dos Montes dos Castros.
Amigos da Terra non descarta solicitar explicacións, asemade, ao delegado provincial ourensano do Medio Rural e ao Xefe de Servizo de Montes e Industrias Forestais de Ourense e esixe "a inmediata paralización da obra a prol da conservación ambiental e forestal da zona". |