Así mesmo, tamén recorda o investimento de 3,2 millóns de euros que se realizou, por primeira vez este ano, na adquisición de material de información e investigación de causas, así como os 2,1 millóns de euros destinados a construír e acondicionar bases aéreas, puntos de encontro, puntos de vixilancia ou puntos de auga, e a mellorar a dotación de maquinaria.
O mesmo día en que se aproba o Plan de Defensa contra Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA), a Consellaría lembra que este ano as melloras afectaron a todos os ámbitos do dispositivo: formación das brigadas; incremento do tempo de contratación das cuadrillas de reforzo durante o verán; maior dotación de medios (EPI's, botas, batelumes, prismáticos, GPS´s...); aumento do número de incendios a investigar; mellor material de investigación; maior número de brigadas móbiles; ampliación da vixilancia preventiva coa participación dos corpos e forzas de seguridade do estado, do exército, do SPDIF e da sociedade; maior profesionalización das brigadas aplicando un sistema de baremación na súa contratación, tanto a través da administración, maioritariamente, como a través da SEAGA, en substitución das cuadrillas municipais, para implementar a súa cualificación e fortalecer o mando único; mellor material rodante e maquinaria pesada, etc. Moitas destas melloras foran reclamadas polos propios representantes dos axentes forestais e do resto de efectivos anti-incendios na Comisión do Parlamento, e iran chegando pouco a pouco a todo o persoal. En cumprimento dese acordo parlamentario, Medio Rural iniciou un proceso intenso para conseguir unha maior profesionalización do dispositivo, que xa se plasmou na execución do PLADIGA e que continuará os vindeiros anos.
No caso do persoal do SPDIF, o ano pasado produciuse unha negociación durante catro meses que rematou coa sinatura dun acordo laboral de eficacia limitada por parte de dous sindicatos e a súa ratificación posterior por parte do 70% dos traballadores fixos e fixos-discontinuos. As outras dúas centrais, entre elas CC.OO., recorreron este acordo e o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza invalidouno. Así as cousas, nestes intres a Consellaría do Medio Rural está aplicando a sentencia , que supón a volta ás condicións anteriores, á espera de que se coñeza o resultado do recurso presentado pola administración. Sen embargo, amosa a súa vontade de seguir dialogando co obxecto de que todo o dispositivo contra incendios mellore a súa situación laboral, no sentido do acordo impugnado, sempre e cando se presente unha proposta apoiada por todos os sindicatos (para evitar a posible xudicialización dos acordos acadados) e que o incremento do gasto público non supere os 16 millóns de euros que se consignaron o ano pasado para os próximos 3 exercicios. Medio Rural defende que “este incremento da masa salarial” nun 15% no primeiro ano, que supoña o paso da contratación dos traballadores fixos de seis a nove meses e o pago dun plus de 148,50 euros/mes por gardas localizables e traballos en domingos e festivos, entre outros cambios, significa “un importante esforzo da administración por mellorar as condicións do persoal de incendios”.
O asunto da privatización En canto ás acusacións de privatización do Servizo, Medio Rural lembra que SEAGA é unha empresa pública á que se accede por un procedemento selectivo regulado pola administración e que a contratación dos traballadores non vai estar vinculada exclusivamente á extinción de incendios, xa que terán encomendadas outras funcións en materia preventiva e de servizos agro-forestais.
Por último, Medio Rural dí que amosa a súa sorpresa porque “precisamente ante a chegada da época de máximo risco, todos deberiamos centrarnos en responder axeitadamente á situación que se poida producir e non recorrer á ameaza do lume para formular reivindicacións”. Neste sentido, considera significativo que “CC.OO. se desvincule do resultado dunha campaña de incendios, como se a responsabilidade de apagar a lume non lle corresponda tamén a todos os traballadores do dispositivo, e se limite a responsabilizar dunha posible vaga de lumes á administración”. Esta estratexia de rexeitamento das melloras e de crear conflictos recorrentemente dentro do dispositivo, desde a chegada do novo goberno á Xunta, demostra que Comisións tomou unha decisión “claramente en clave política” de enfrontamento coa Consellaría do Medio Rural, chegando ao extremo de vincular a posible existencia dunha vaga de lumes á presunta incompetencia dos responsables autonómicos. “Non se pode esquecer que detrás de moitos lumes hai unha actividade delitiva e facer estas afirmación é unha enorme irresponsabilidade, porque calquera persoa que teña interese en facer dano politico pode ter a tentación de escoller ese camiño”, sinalan desde Medio Rural. Ademais, esta actitude o que provoca lamentablemente é o desprestixio dos traballadores do propio Servizo, “porque parece que este sindicato quere colocalos fóra da responsabilidade da extinción, e mesmo estimular que os malos resultados se asocien á incompetencia dos seus responsables”, sentencian. |