“Presentamos un torneo que, por tradición e categoría, está a altura doutras competicións emblemáticas da cidade como a San Martiño ou o Rallie de Ourense”.
Así se expresou o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, o nacionalista Fernando Varela, ao presentar a XXVI edición do Torneo Aninovo Barrocás de Xadrez, o evento deportivo máis emblemático destas datas de Nadal cuxa presentación tiña lugar este mércores no Salón de Plenos do Concello.
A competición cobra este ano un carácter especial por tratarse da primeira edición trala desaparición dun dos seus principais promotores, Manuel Villar, presidente da
|
|
|
asociación de veciños dos Barrocás. Así, este ano o torneo incorpora o I Open Internacional “In memorian” Manuel Villar, cun trofeo que lembra a figura do dirixente veciñal. Desde a organización prevén unha participación de máis de 200 axedrecistas de todos os tramos de idade, un récord de asitencia na historia do torneo.
Ao acto de presentación deste mércores acudiron tamén representantes da Asociación de Veciños de Barrocás, Nieves Díaz, Albino Prado e Domingo López, e o director técnico do torneo e membro do Club Xadrez Ourense, Elías González. Desde a directiva da asociación veciñal quixeron transmitir o “ánimo de dar continuidade ao torneo, seguindo as consignas que nos deu Manolo Villar”, unha vontade que suscribiron tanto o Club Xadrez Ourense como a Concellería de Deportes que “en ningún momento pestañeou no seu apoio ao certame”.
Nesta nova edición, xa a número 26, o aberto internacional divídese en dous, o torneo por categorías Infantil, Alevín, Benxamín, que arranca o domingo día 26 de decembro, e o torneo absoluto, xuvenil e cadete que comeza o 27.
As inscricións aínda están abertas e poden realizarse na web www.xadrezourense.com ou a través do correo electrónico (traxerxadrez@hotmail.com). A día de hoxe xa están rexistrados máis de 200 participantes, 120 rapaces nas competicións do domingo, entre os que figuran nomes como Mireia Represa, actual campiona de España en categoría Sub-10, ou Martín Avellano e David Gómez, ambos membros da selección galega en Sub-16.
No Open Internacional que arranca o día 27 son máis de 60 os inscritos, e será Ivan Salgado, Mestre Internacional de Xadrez, o encargado en dar o pistoletazo de saída. Tal e como declarou o director técnico do Torneo, Elías Domínguez “este ano cuantitativa e cualitativamente contamos cun elenco espectacular”.
|