Logo dun amplo proxecto de tranformación e reforma, as instalacións de Oira reabriron ao público este luns, 26 de setembro, reconvertidas nun novo recinto deportivo que amplía servizos e mellora a calidade das súas instalacións. Ao uso tradicional do espazo, zona de baño con dous vasos, incorpóranse agora oito pistas de padel e un ximnasio de última xeración que vén transformar as antigas instalacións nun recinto multiusos para o deporte de calidade.
Inaugúrae así unha nova infraestrutura deportiva en Ourense “que vén respostar aos obxectivos que nos marcamos desde a Concellaría de Deportes, acometer a reforma dunhas instalacións abandoadas e moi deterioradas para facer delas a infraestrutura deportiva que Oira merece”, sinalou o concelleiro de Deportes, Fernando Varela.
A apertura do espazo tivo lugar coa presenza dos Grupos Municipais do BNG, PSOE e PP, así como o delegado da empresa adxudicataria, Serviocio, Genaro Lorenzo, quen fixo fincapé na calidade dunhas instalación “punteras en Galiza”, e remarcou o importante volume de investimento, máis de 9 millóns de euros, que suman estas obras, ás que se incorpora o futuro centro polideportivo das Eiroás.
O concelleiro do BNG, Fernando Varela, tamén se referiu ao orzamento pondo en valor “o feito de que desde a iniciativa privada se aposte por un investimento desta magnitude”, ao tempo que destacou o “importante traballo de xestión e administración” desenvolto desde a Concellaría para que “un proxecto desta envergadura se convertira nunha realidade”.
O novo complexo deportivo de Oira, cuxas obras significaron a creación de máis 50 postos de emprego durante a súa construcción, supón unha aposta pola rendabilización dun espazo “que sufrira durante moitos anos un continuo abandono”. A diversificación de servizos e a ampliación do período de funcionamento, aberto de xeito estable ao longo de todo o ano, suporá aumentar o aproveitamento da instalación. Neste sentido, Fernando Varela insistiu na importancia de “pór a disposición dos ourensáns a posibilidade de practicar deporte nun entorno adecuado e de calidade” para fomentar esta práctica.
Pola súa banda a Tenente alcalde de Ourense, a Isabel Pérez, quixo salientar no seu discurso a ampliación de instalacións que Ourense está a vivir, e a importancia desta “deslocalización dos servizos dos que disfruta a cidadanía”, o cal “contribúe a un crecemento máis equilibrado e sostible de Ourense”. |