2010, 7 de ABRIL
 
 
 
 
Ourense acollerá esta fin de semana a fase final da XVI edición do Campeonato de España de Fútbol Sala Feminino, a coñecida Copa da Raiña, que se desenvolverá nas instalación dos Pavillón Polideportivo dos Remedios. Agárdase que sexan arredor dun centenar as futbolistas que disputen este trofeo, sete equipos convidados, Deportivo de Córdoba, Femesala de Elche, F.S.F Móstoles, F.S.F Ucam Murcia, Atlético de Madrid, Burela F.S e o F.S.F Rioja, máis o anfitrión, o Ponte Ourense C.F, cuxa selección femenina participa por terceira vez neste encontro e á cal confiou a Real Federación Española de Fútbol a organización de este evento. 
 
 

Oito equipos disputarán esta fin de semana a Copa da Raíña  de Fútbol Sala Feminino no Pavillón dos Remedios de Ourense

 
7 de ABRIL de 2010: OURENSE DIXITAL
A presentación deste torneo tivo lugar este mércores, 7 de abril, nas instalacións do Centro de Recepción de Visitantes de Ourense, e contou coa presenza do Tenente Alcalde, Andrés García Mata, o Concelleiro de Deportes, Fernando Varela, o presidente da Federación Galega de Fútbol, Carlos Meana, o Delegado en Ourense, Jose Luis Cachaldora, e a Coordinadora do Club de Fútbol A Ponte, Enátali Fernández. Como anfitriona actuou a edil de Turismo, Ana Garza, quen abriu o acto cunha “chamada de atención” á importancia estratéxica para o turismo que supón que Ourense acolla eventos como este, de alcance estatal.


“Se ás xogadoras parcipantes sumamos plantel técnico, xornalistas e o propio público, contamos cun importante número de persoas que estes días van descubrir Ourense”, sinalou Ana Garza.

Pola súa banda, tanto representantes muncipais como o presidente da Federación Galega de Fútbol adicaron os seus parabéns a toda a organización e directiva do club de fútbol de A Ponte “que desenvolveron un traballo impecable para a posta en marcha deste torneo” e que, segundo apuntou o propio Tenente Alcalde “son o mellor exemplo do deporte plural e de base en Ourense, cunha longuísima traxectoria deportiva marcada pola perseverancia e o traballo duro”.
Pola súa banda, Enátali Fernández, en representación do Club de Fútbol de A Ponte quixo  agradecer “ a confianza depositada en nós por parte da Federación ao encomendarnos a organización deste torneo,que acometimos coa maior das nosas ilusións” así como o apoio amosado polo Concello “co que traballamos coordinadamente para ter todo a punto para este fin de semana”.

A fase final do  XVI Campeonato de España de Fútbol Sala “Copa da Raíña” celebraráse os días 9, 10 e 11 de abril na cancha central do Pavillón Polideportivo Municipal dos Remedios.
Para o venres está previstos que se xoguen os cuartos de final, sendo ás 20.00 h o turno das rapazas da Ponte, que se enfrentarán co AT. Madrid Navalcarnero, que en 2009 fora vencedor do torneo.
O prezo das entradas para os encontros é de 5€, aínda que a organización pon a disposición dos siareiros abonos para todo o torneo por valor de 15 euros.

Volver atras
Imprimir Página