O Secretario Xeral dos Socialistas Galegos, Emilio Pérez Touriño, animou hoxe aos galegos a sacar “o billete libre de peaxes” que ofrece o Partido Socialista e acudir masivamente ás urnas o domingo para incorporar a todos os concellos do país “á alta velocidade do progreso e a modernización de Galicia” que encarna o PSdeG-PSOE.
No mitin de Ourense deste xoves, o líder dos Socialistas Galegos sostivo que o 27 de maio os galegos temos a oportunidade de incorporar os nosos concellos “ao tren dunha Galicia en marcha que encara o futuro con ilusión”. “Non a ese tren que o outro día agardaban, cos brazos cruzados, os dirixentes do PP. Espera inútil porque o tren do PP xa pasou. Perderon o tren en Madrid, hai tres anos, e perdérono en Galicia en xuño do 2005” , aseverou.
 
 
Touriño pide o 27 "incorporar Ourense ó tren dunha Galicia en marcha"  
14 de MAYO de 2007: OURENSE DIXITAL

Fronte a esa espera “inútil”, Pérez Touriño convidou aos galegos a incorporar os concellos do país “á alta velocidade do progreso e da modernización de Galicia”. “O único billete que necesitades é o voso voto libre e responsable. Un billete libre de peaxes para recuperar o tempo perdido polos que o outro día perdían o tempo nos andéns da estación. Convídovos a efectuar un cambio de agullas para que todos os trens, o Goberno de España, o Goberno de Galicia e os gobernos municipais, circulen na mesma dirección”, defendeu.
O líder do PSdeG sostivo que votando socialista os Gobernos municipais impulsarán os concellos cara á igualdade de dereitos, de oportunidades e entre territorios ao igual que promoven os Gobernos socialistas de Galicia e España. “Igualdade de dereitos, porque no tren do futuro non hai primeira clase e segunda clase. Igualdade de oportunidades, porque non admitimos discriminacións por razóns de sexo, nin de raza, nin de orixe nin de berce. Igualdade territorial, porque o tren do futuro ha de ter o mesmo ancho de vía e non permitiremos un país de dúas velocidades”, defendeu.

Traballo conxunto

Por este motivo, Pérez Touriño convocou á cidadanía a votar socialista o día 27, pero tamén a traballar, “cóbado con cóbado comigo”, para vencer a “resignación” e “retirar da vía” as “peaxes” que dificultan o pleno exercicio dos dereitos cidadáns. “O dereito dos mozos e mozas a unha vivenda digna, o dereito á educación e á saúde, o dereito a servizos públicos fundamentais, o dereito a unha cidade habitable, o dereito dos nosos maiores a ser felices no outono da súa vida”, concretou.

O líder socialista fixo extensiva esta apelación ao traballo cóbado con cóbado para “remover todos os atrancos” que impiden a plena igualdade de oportunidades. “Porque queremos a igualdade entre homes e mulleres, idénticas posibilidades de promoción, idéntico salario para o mesmo traballo, idénticos dereitos e idénticos deberes. Porque queremos as mesmas oportunidades para todos os nosos rapaces e os nosos mozos, residan no centro ou na periferia, na cidade ou na aldea, sexan de alta cuna ou de cuna humilde. Queremos investir neles, porque supón investir en futuro, sen máis diferenzas que a súa dedicación e o seu esforzo”, puntualizou.
E incidiu no chamamento ao traballo conxunto para “pechar as desigualdades” entre as diversas zonas de Galicia, “para borrar as diferenzas de renda e de benestar” e reequilibrar o territorio.

Cuestión de peaxes

“Convócovos a seguir desmantelando peaxes, como estamos a facer desde o Goberno de Galicia e o Goberno de España. Suprimimos a dura peaxe que soportaban as familias humildes para mercar os libros de texto. Suprimimos, coa Lei de Dependencia, a dura peaxe que soportaban as familias para coidar os seus avós e persoas dependentes. Suprimimos a peaxe Dozón-Ourense que outros, os que venderon as autoestradas, impuxeran”, incidiu.
A este respecto, o líder dos Socialistas Galegos admitiu que os que privatizaron as autoestradas están a dicir nesta campaña unha verdade: que a peaxe Dozón-Ourense a pagarán todos os galegos. ”Claro que si. Todos sabemos que a estradas custan diñeiro e alguén ten que pagalas. Eles decidiron que debía pagar Ourense, nós decidimos que pagaría toda Galicia. Esa é a diferenza entre uns e outros. O noso chámase solidariedade interterritorial, reequilibrio, corrección das desigualdades territoriais”, sinalou Touriño.

“O deles non sei como se chama. Que o diga o señor Cascos, que reapareceu estes días por Galicia: nótase que non é temporada de caza. Cando se lle esperaba non veu e agora irrompe a destempo. Como o tren que agardaba inutilmente o señor Feijoo”, agregou.

O líder dos Socialistas Galegos chamou a esquecer “o pasado e as xentes do pasado” e a centrarse no futuro que se abriu en Galicia hai case dous anos e que precisa “a forza locomotora das súas cidades, o seu pulo emprendedor, a súa capacidade dinamizadora”.
“Pídovos un voto libre, meditado e responsable. Un voto masivo para que ninguén decida por ti. Un voto de cambio e polo cambio. Un voto de progreso e para progresar. Un voto polo benestar dos teus e de Galicia. Un voto ás candidaturas socialistas, para seguirmos avanzando”, concluíu.

Incorporar a Ourense ao futuro

No mitin de apoio ao candidato socialista á alcaldía de Ourense, Francisco Rodríguez, Touriño díxolle aos ourensáns que o próximo domingo teñen a oportunidade de incorporar Ourense ó tren dunha Galicia en marcha. Pediulles o voto para converter Ourense “na gran plataforma ferroviaria de Galicia. Un voto para converter Ourense no foco dinamizador da Galicia interior”, asegurou.
Pérez Touriño convidou aos ourensáns a “efectuar un cambio de agullas en Ourense. Para enganchar a Ourense ao futuro, para que todos os trens, o Goberno de España, o Goberno de Galicia e o goberno municipal de Ourense, circulen na mesma dirección”.
O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE pediu o voto “para seguirmos avanzando, para que o cambio non coxee en Ourense, para conquistar o futuro”.

Imprimir Página
 
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital