O BNG no Concello de Barbadás, un dos dous grupos oposición, critica o feito de que o goberno deste Concello co seu alcalde ao frente, José Manuel Freire Couto, celebre un pleno este venres, 25 de maio, para "entregar o servizo de recollida e transporte do lixo e limpeza viaria a unha empresa da casa ", dice o BNG.
Xa que, segundo o voceiro do grupo nacionalista, Xosé Manuel Alonso Noceda, "esta é unha empresa ligada ao grupo COPASA, de dubidosa solvencia técnica, que dispensa un servizo baixo mínimas, con ínfimas condicións de calidade e máxima rendabilidade".
As críticas do grupo nacionalista céntrase agora na "dubidosa solvencia" que a empresa lle merece aos de Alonso Noceda, "a xulgar polas denuncias públicas efectuadas en concellos onde está implantada" segundo dín.
"Estas acusacións, alén de faceren referencia a constantes problemas laborais cos seus traballadores por mor da precariedade de meios cos que traballan, poñen tamén en evidencia outras deficiencias no servizo emprestado como non lavar nen repor os contentores derramados dos residuos, non teren o ancoraxe axeitado, ou inclusive non facer a recollida do lixo como é debido", engade o BNG.
Nembargantes, recalca o voceiro do BNG, "esta empresa foi valorada pola Mesa de Contratación do Concello de Barbadás no apartado de Calidade técnica do servizo proposto con 23 pontos de 25 posíbeis, e no de Meios humanos e materiais coa máxima pontuación, 20 puntos". Segundo o BNG, non se tivo en conta o historial da empresa e os antecentes referidos.
O BNG califica a decisión do alcalde que se materializará na sesión plenaria convocada para o venres, derradeiro día de campaña electoral, de "novo escándalo político", e dalle ao BNG sinais de que "Freire Couto ten consciencia clara de perder a maioría absoluta, e quer deixar atadas certas cuestións antes de sair da alcaldía".
"Desexamos que este paradigma de xestión municipal despótica e abuso do poder para a defensa de intereses particulares e partidistas -do que ven facendo gala o PP nos últimos 20 anos de mandato- se vexa castigado como merece pola cidadanía o próximo domingo, dia 27, dando paso a un novo goberno alternativo de progreso que posibilite a rexeneración democrática que o concello de Barbadás necesita", conclúe o posicionamento feito ao respecto polo Grupo do BNG no Concello de Barbadás.
|