Para o BNG é fundamental a posta en marcha dun plano de revitalización económica e social do barrio de Covadonga, mellorando as vivendas actuais, construíndo novas de alta calidade e humanizando o barrio. Ademais das 50 novas vivendas de promoción pública que se construirán en Covadonga, Sánchez Vidal anunciou un plano de rehabilitación dos actuais edificios de protección oficial do ano 1955.
En concreto, o plano consistirá nun realoaxamento parcial a eses veciños nas 50 novas vivendas que se construirán, mentres son reformadas e acondicionadas con todo tipo de servizos as súas vivendas. Unha vez levado a cabo esa labor de rehabilitación, os inquilinos volverían a cadansúas casas e as novas vivendas serían sacadas a concurso público.
Segundo Sánchez Vidal, “é prioritario que todos os cidadáns de Ourense teñan as mesmas condicións de vida e conten cos mesmos servizos públicos. O BNG acadou varios compromisos coa Xunta para recuperar os espazos degradados e tamén para facer novas dotacións, como un centro de saúde, o un centro sociocomunitario”.
Sánchez Vidal sinalou qeu o novo centro sociocomunitario terá un centro de día, unha biblioteca, un local para a xuventude, unha ludoteca para os nenos. Ademais, lembra que a Viceperesidencia, grazas a unha proposta do grupo municipal do BNG, investirá 250.000 euros na escola infantil do barrio para contratar a novos profesores, mellorar as instalacións e permitir aumentar as prazas.
Con respecto ao centro de saúde, Sánchez Vidal aclarou que xa se están a xestionar os terreos para a súa construción. “O noso principal interese é que o barrio teña unhas dotacións axeitadas que cubran as necesidades da poboación en todos os sectores da sociedade e en todos os tramos de idade”, engadiu Sánchez Vidal.
O candidato do BNG concluíu a súa intervención sinalando que se construirá un novo campo de fútbol ao pé do barrio, con outras instalacións deportivas periféricas. |